A rápida intervención municipal permitiu resolver a incidencia sen apenas danos materiais
O Concello de Fene destaca que as actuacións preventivas que se veñen realizando reduciron drasticamente o risco de inundacións
O Concello de Fene informa de que na xornada de onte produciuse un pequeno desbordamento puntual do río Cádavo na contorna da rúa San Estevo, causado pola obstrución dun rexistro ao quedar atravesado o toro dunha árbore arrastrado polo elevado caudal do río.
A acumulación dese toro impediu o correcto paso da auga, provocando unha saída puntual da mesma. Ante a imposibilidade de retirar o obstáculo de maneira manual, valorouse e executouse a apertura dun pequeno treito do aglomerado, actuación que permitiu liberar o rexistro e restablecer con rapidez o funcionamento normal da canle. A intervención resultou efectiva e evitou que a situación tivese maiores consecuencias.
Desde o Concello indícase que se estudará a posibilidade de instalar un rexistro de maior tamaño nese punto concreto, co obxectivo de minimizar o risco de incidencias semellantes no futuro en episodios de fortes choivas.
A alcaldesa de Fene, Sandra Permuy, destacou que “falamos dun episodio moi localizado e de pequena entidade, que se resolveu con rapidez grazas á intervención inmediata dos servizos municipais”. A rexedora subliñou tamén que “as actuacións de prevención e limpeza realizadas nos últimos anos foron determinantes para que non se producisen inundacións como as que se viñan rexistrando no pasado na rúa Río Cádavo”.
Neste senso, o goberno local lembra que os traballos de mantemento e limpeza do leito do río, xunto coa adquisición en 2023 da parcela situada en Perlío, permitiron mellorar de maneira significativa o comportamento hidráulico do río Cádavo, reducindo de forma notable o risco de inundacións en episodios de choivas intensas.
Durante a xornada de onte, cando o río Cádavo chegou a situarse en nivel vermello no Plan Inungal, o Concello mantivo activado un operativo de seguimento e coordinación no que participaron Policía Local, Protección Civil e persoal municipal. A alcaldesa, xunto co concelleiro de Servizos, Adán Chao, estivo presente coordinando e avaliando a evolución da situación sobre o terreo.
“Hoxe o nivel de risco xa remitiu, grazas á rápida resposta do Concello e ao bo funcionamento das medidas preventivas postas en marcha”, concluíu Sandra Permuy, quen reiterou o compromiso do goberno municipal coa prevención, a seguridade da veciñanza e a mellora continua das infraestruturas hidráulicas do municipio.



