A orquestra New York substituirá a actuación de Nueva Línea nas festas do verán de Ribeira

Redacción

 O Concello toma esta decisión despois de que as vocalistas anunciasen a súa saída da formación canaria

O Concello de Ribeira presentou a finais de xuño unha ambiciosa programación para as festas do verán entre a que se atopaba a actuación de Nueva Línea para o domingo, 2 de agosto, ás 00.30 horas, no Malecón. Se ben, a formación canaria anunciou a saída das súas catro vocalistas nos pasados días, polo que a Administración local se puxo a traballar na busca dunha nova agrupación. A elixida é finalmente a orquestra New York que fará vibrar a cidade na mesma data, hora e localización xa axendadas.

Con data 7 de xullo, a formación canaria emitiu un comunicado público a través das súas redes sociais anunciando “unha nova etapa musical que implica un cambio na súa formación vocal debido a diferencias na forma de entender e xestionar a imaxe do grupo.” Nesa mesma xornada, a Concellería de Festexos procedeu a contactar cos representantes da orquestra, quen confirmaron os cambios no elenco musical. “Dado que a agrupación xa non será a mesma ao mudar as cantantes da orquestra, o Concello de Ribeira entende que cambia a identidade musical da propia orquestra e isto implica unha alteración substancial das condicións e características iniciais. Por iso, puxémonos a traballar para atopar unha alternativa para a noite do 2 de agosto e cremos que New York é unha moi boa opción que fará desfrutar da música a todo o mundo”, explica o edil desta área, Fernando Abraldes.

O concelleiro tamén aclara que no libro das festas aparecerá igualmente a actuación de Nueva Línea, pois os exemplares foron impresos antes deste cambio repentino na programación.

Comparte este artigo