A alcaldesa, Inés Rey, recordou que o Concello segue a ser, con 4 millóns de euros, o principal financiador da sinfónica. Ademais, a Escola Municipal de Música contará cun orzamento para este ano de 650.000 euros
A alcaldesa, Inés Rey, acompañada polo xerente do Consorcio para a Promoción da Música, Juan Antonio Cuéllar, presentou hoxe os detalles do novo orzamento para o 2026 da institución que xestiona a OSG. A rexedora tamén estivo acompañada polo concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro. As contas do 2026 foron aprobadas esta mañá na Xunta de goberno da entidade, que preside a alcaldesa. O consorcio contará este ano cos orzamentos máis elevados da súa historia, cun monto total inicial de case 11,3 millóns de euros, o que supón un incremento de 379.360 euros respecto ao ano anterior. Desta cantidade, 4 millóns serán achegados polo Concello, que se consolida como o seu principal apoio financeiro. O resto sairá de achegas da Xunta e da Deputación.
Ademais, no 2026 intensificarase substancialmente a oferta e variedade cultural da Orquestra Sinfónica de Galicia, que ofrecerá 32 concertos para persoas abonadas no Palacio da Ópera (21 en venres e 11 en sábado) ao longo de máis de 46 semanas de actividade. Tamén hai programados 16 concertos noutros concellos de Galicia (incluíndo Vigo, Santiago e Ferrol) máis dous concertos en Bilbao e sete en Inglaterra, na que será a primeira xira da Orquestra polo Reino Unido.
“Ningunha cidade do noso tamaño ten unha orquestra sinfónica, e menos aínda da calidade da nosa, unha formación cunha proxección internacional da que podemos desfrutar os coruñeses e coruñesas todas as fins de semana, algo que só acontece en Europa nas grandes capitais. Nisto tamén, queda claro, somos unha gran capital.”, sinalou Inés Rey.
Para a presente tempada tamén está prevista a estrea da ópera “Lúa”, de Fernando Briones, un programa con música orixinal de Disney, varias iniciativas para o alumnado de primaria e o I Festival Internacional de Música para Cinema, con catro concertos monográficos dedicados a compositores contemporáneos.
O Consorcio tamén aprobou hoxe o orzamento da Escola Municipal de Música, que terá unha dotación de 650.000 euros achegados polo Concello, tal e como se acordou no convenio de cooperación horizontal asinado.
Ademais, hoxe aprobouse tamén o nomeamento de José Luis Méndez Romeu como representante da Asociación de Amigos da Ópera na xunta de goberno do Consorcio.
Boa saúde financeira
As contas presentadas este ano polo Consorcio para a Promoción da Música constatan que a entidade deixa atrás as tensións financeiras. O 2025 pechouse cunhas contas equilibradas, e para o ano 2026 inclúese unha mellora nas retribucións do persoal traballador.
Inés Rey celebrou a boa saúde da institución e destacou o seu papel na dinamización cultural da cidade. “O compromiso deste goberno co Consorcio para a Promoción da Música é total. Por iso non dubidamos en implicarnos aínda máis para que siga funcionando como ata agora, e mesmo mellor. Temos, e isto hai que dicilo máis, unha das mellores orquestras sinfónicas de Europa, fogar de profesionais de categoría mundial. Faremos todo o que estea na nosa man para que así siga sendo”, apuntou.



