A Oza Cup reúne esta fin de semana o mellor fútbol base cadete e xuvenil nunha xornada de deporte e convivencia

Redacción

Un total de 16 clubs disputarán o torneo de fútbol 7, que se disputará no campo municipal do Carral (Sofán) os días 20 e 21

A Sociedade Deportiva Oza presentou hoxe a Oza Cup, un torneo para as categorías cadete e xuvenil que se disputará este fin de semana no campo de fútbol municipal do Carral (Sofán). O torneo de fútbol 7, unha das citas clave do fútbol base na comarca, contará cunha impecable estrutura que congregará a 24 equipos de 16 clubs e mobilizará a centos de mozos deportistas arredor do balón.

A competición arrancará de xeito simultáneo ás 09:30 horas nos dous campos habilitados pola organización. Cunha normativa estrita orientada a garantir o dinamismo e o xogo limpo, os encontros disputaranse en partidos de 20 minutos sen interrupción, cunha marxe de 5 minutos entre franxas horarias. Tras unha intensa fase de grupos matinal, o torneo fará un descanso xeral entre as 14:00 e as 15:00 horas para retomar a competición coas eliminatorias directas e os cruces decisivos a partir de cuartos de final.

Cadros de competición e grupos:

• Sabado, 20 de xuño | Categoría xuvenil: o grupo 1 integrarano o FC Bergantiños, ED O Dolmen, Mazaricos SD, CF Lira, SD Soneira e SD Ponteceso. Pola súa banda, o Grupo 2 contará coa participación da SD Oza, SD Fisterra, CA Cercedense, Silva SD, SD Sofán e Cabana SD.

• Domingo, 21 de xuño | Categoría cadete: o grupo1 estará composto por Cabana SD, ED O Dolmen, UC Cee, Rosalía Mera, CA Cercedense “B” e SD Soneira. No grupo 2 encadraranse a SD Fisterra, SD Laxe, CA Cercedense, FC Bergantiños, SD Sofán e EF Carnota.

O momento álxido do feirón deportivo chegará a partir das 18:30 horas, momento no que se disputarán as grandes finais de ambas categorías, cunha duración especial de 30 minutos sen descanso. A entrega de trofeos está programada para as 19:05 horas aproximadamente, onde se recoñecerá o desempeño do campión, subcampión e terceiro clasificado, ademais de outorgar un galardón especial ao mellor xogador do torneo.

Un evento para toda a familia

Dende a S.D. Oza salientan que o torneo foi deseñado como unha verdadeira festa para gozar en familia e con amigos. Co obxectivo de dinamizar a estancia de afeccionados e acompañantes, o recinto contará con servizo de comidas e bebidas, ademais de celebrarse diversos sorteos ao longo de toda a fin de semana.

“Queremos expresar o noso máis sincero agradecemento a todos os patrocinadores e colaboradores”, sinalaron dende a directiva da Sociedad Deportiva Oza. “A súa axuda e compromiso son a peza clave para que este torneo vexa a luz e se converta nunha gran festa do deporte”, apuntou o presidente, José Antonio Nieto, Rubio.

“Dende a Concellería de Deportes apostamos firmemente por eventos coma esta Oza Cup, que non só traen competición de nivel a Carballo, senón que promoven entre a mocidade os valores do compañeirismo, o esforzo e a vida saudable”, manifestou o concelleiro de Deportes, Daniel Barreiro.

O alcalde, pola súa banda, cualificou a Oza Cup como “o mellor exemplo do dinamismo do noso tecido asociativo”. Daniel Pérez agradeceu á SD Oza “o seu traballo para facer medrar a Carballo a través do deporte, sumando esforzos por un obxectivo común: facer do noso concello un referente.”

Comparte este artigo