HomeA CoruñaA participación cidadá reducida a un formalismo

A participación cidadá reducida a un formalismo

- Anuncio -spot_img

– O BNG defende a recuperación duns procesos realmente participativos para achegar a toma de decisións á veciñanza.

– Desde a chegada de José Ramón Rioboo á alcaldía a participación cidadá ten sido recortada ano após ano.

– No lugar de achegar propostas para os orzamentos, para que o Consello Xeral de Participación os debata e informe como é a súa función, o Goberno Municipal ofreceulles de xeito paternalista realizar aportacións.

– O Goberno Municipal viste de participación o que é caciquismo en estado puro.


O pasado martes tivo lugar a sesión ordinaria do Consello Xeral de Participación Cidadá. O único grupo da oposición representado foi o BNG por medio do seu voceiro Tono Chouciño. O Sr. Alcalde, que debería presidilo, non asistiu. O resto dos grupos da oposición non enviaron representación.

Máis aló dese feito, que pode ser anecdótico, a convocatoria tiña na súa orde do día un punto titulado “Propostas para o orzamento xeral”.

O Consello Xeral de Participación Cidadá está conformado por representantes dos partidos políticos, de asociacións veciñais e dos Consellos Sectoriais existentes. Entre as súas funcións figuran:

– Informar sobre o Plan de actuacións municipais.
– Debater e valorar as conclusións dos estudos e traballos sobre temas estratéxicos que realice o Concello.
– Recibir información sobre os temas de interese do Concello.

Isto non ten nada que ver co que alí aconteceu. As representantes do Goberno Municipal non foron quen de presentar ou informar de nengún plan de actuación nen de nengún traballo estratéxico realizado polo Concello. Tampouco, como se entendía da convocatoria, de presentar alternativas de investimento para os orzamentos de 2026.

Antes ben, ofreceron, nunha actitude paternalista, a posibilidade de realizar achegas para os orzamentos municipais, algo que toda a veciñanza de Culleredo, maior de idade, ten.

Esta actitude ven a demostrar, unha vez máis, a contínua desvalorización da participación cidadá desde que está a gobernar o actual alcalde, Sr. José Ramón Rioboo. Unha concepción caciquil do goberno municipal que vende dereitos como favores.

Como afirmou o voceiro nacionalista, “este non é o tipo de participación cidadá no que cre o BNG de Culleredo. Temos que traballar para recuperar o verdadeiro espíritu progresista do noso Concello do secuestro ao que está sometido por este goberno municipal”.

Publicacións Relacionadas