Home A Coruña A pesca sostible reivindicou a súa importancia na V Mostra Mares da...

A pesca sostible reivindicou a súa importancia na V Mostra Mares da Fin do Mundo

- Anuncio -

Este domingo, 30 de outubro, desenvolveuse a terceira xornada da V edición de Mares da Fin do Mundo, Mostra Internacional de Cinema Documental, que se está a celebrar no Concello de Outes ata o 1 de novembro. Arrancouse o día no Náutico do Freixo coa Mesa redonda sobre Pesca Sostible, na que se reflexionou acerca de “A imaxe da pesca e dos pescadores na sociedade”. A mesa, moderada por Javier G. Galdo (biólogo mariño), contou coa participación de Fabián Ben (proxectos da FNCP), Carmen Alonso (patroa e pescadora no “Carmín”, Asturias), Emilio Louro (comercialización e distribución de pesca artesanal online) e Eva Velasco (científica e investigadora en IEO/DIVERSIMAR). A continuación, nas mesmas instalacións, tivo lugar unha demostración gastronómica a cargo de profesionais locais pertencentes á Asociación de Hostalaría Ría da Estrela, na que os participantes puideron degustar pratos elaborados con produtos de proximidade.

A xornada continuou pola tarde coas proxeccións de 8 filmes que forman parte da Competición Oficial. Divididos en 3 bloques, as proxeccións comezaron ás 17:00 h na Casa da Cultura de Outes. No primeiro bloque proxectáronse tres títulos, After Ice, de Kieran Baxter (Reino Unido / Islandia, 2021), un documental que amosa o impacto que os seres humanos están a ter nos sistemas da Terra mediante a combinación de vistas aéreas históricas e actuais de seis glaciares na rexión islandesa de Hornafjörour. Le constat de la crevette grise, de Rémi Murez (Bélxica, 2021), retrata o perigo enterrado no Mar do Norte en forma de restos de municións químicas de guerras pasadas, que están a segregar gases tóxicos na actualidade. Liquid Ground, de Enar de Dios (Austria / España, 2021), é unha obra experimental sobre os fondos oceánicos e a súa cartografía para falar de colonialismo, ecoloxía e representación.

O segundo bloque do día abriuse con Pez volador, de Nayra Sanz Fuentes (España, 2022), filme que documenta a incidencia que o ser humano e a tecnoloxía están a ter na transformación e alteración dos hábitats mariños. Xaar Yallà, de Mamadou Khouma Gueye (Senegal / Francia, 2022), trata sobre a repercusión que a subida do nivel do mar está a ter en Saint–Louis, a chamada “Venecia do Sur”. No último filme do bloque proxectouse Last of Us, de Andrea Marcovicchio (Italia, 2021). Este documental retrata a desaparición progresiva e o futuro incerto do mundo da pesca e o patrimonio asociado no Lago Maggiore.

A xornada pechou coa proxección de dúas obras máis, do terceiro bloque do día, que daba por rematadas as proxeccións da Competición Oficial. The Silent Wave, de J.J. Abraham e Vishnu Hari / ICSF (India, 2021), filme centrado no impacto que a primeira vaga de Covid-19 tivo nas actividades pesqueiras en Kollam, no sur da India. Pechou a xornada Mayotte, la mer buissonière, de Pierre Belet (Francia, 2021), obra documental que amosa a realidade á que se enfronta a poboación na illa de Mayotte, onde maioría da xente ten menos de 18 anos.

A Mostra Internacional de Cinema Documental MARES DA FIN DO MUNDO está organizada polo Concello de Outes, coa colaboración na dirección e produción de ABA Films e o apoio, entre outros, da Deputación da Coruña e a Dirección Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia. Así mesmo, MDFDM forma parte de Proxecta (Coordinadora Galega de Festivais de Cinema, integrada na federación estatal Pantalla).

Relacionadas

Tres creadoras coruñesas, protagonistas da actividade central do Concello polo Día do Libro

0
Bibiana Candia, Lucía Cobo e María Reimóndez achegaron as súas experiencias sobre a construcción literaria na mesa redonda “A Coruña, cidade de libro” Preto de...

O Concello de Neda premia un ano máis aos mellores lectores e lectoras da...

0
A Biblioteca municipal de Neda celebra o Día Internacional do Libro distinguindo, como vén sendo habitual, aos socios e socias que destacan pola cantidade...

‘Rostros que fan cidade’ poderá verse durante ata o 12 de maio no Pazo...

0
• A través de 40 retratos e confesións sobre a importancia dunha contorna inclusiva #ante a soidade non desexada, o proxecto CRECE fai unha...

O alumnado da Escola Infantil “A Galiña Azul” celebrou o Día do Libro na...

0
A iniciativa enmárcase no programa municipal do Mes do Libro. Na data na que se celebra o Día Internacional do Libro, esta mañá máis de...

As bibliotecas de Carballo acadaron o ano pasado os 22.309 préstamos e gañaron 679...

0
Coincidindo co Día do Libro presentamos os tres servizos que dependen da área de Bibliotecas e Arquivos cun vídeo protagonizado polo persoal que os...

Suplantan ao Concello para intentar enganar ás persoas maiores cunha reunión que non existe

0
O Concello de Oleiros quere informar que non convocou ningunha reunión para as persoas usuarias do Servizo de Axuda no Fogar. Non existe tal...

Publicacións Relacionadas