HomeA CoruñaA piscina municipal de San Sadurniño iniciará temporada o 23 de xuño

A piscina municipal de San Sadurniño iniciará temporada o 23 de xuño

- Anuncio -spot_img
  • O Executivo local confía en rematar as obras de mellora que se están levando a cabo entre esta semana e mediados da que vén 
  • O investimento supera os 63.000 euros, sufragados en cerca dun 80% pola Deputación da Coruña
  • O Concello tamén abre este mércores o prazo de solicitude de abonos de temporada e de matrícula nos cursos de natación

A piscina municipal de San Sadurniño está sendo sometida a obras de mellora para repararlle o peche perimetral e, sobre todo, para substituír o recubrimento do vaso. Os traballos contan con  financiamento da Deputación da Coruña e están valorados en algo máis de 63.000 euros, impostos incluídos. O Concello e a adxudicataria, Guerreiro Somozas S.L., calculan que poidan estar rematados entre esta semana e mediados da que vén, xusto a tempo para abrir as instalacións ao público o luns 23 de xuño. O departamento municipal de Deportes iniciará este mércores, 11 de xuño, o prazo para inscribirse nos cursos de natación e tamén  para mercar os abonos de temporada, a mellor opción tanto para baños individuais como para ir á piscina en familia.

O alcalde de San Sadurniño, Secundino García Casal, e a concelleira de Axenda 2030, Raquel Piñeiro López, achegáronse este serán até as instalacións dos Currás para ver o estado das obras e puideron comprobar que o groso dos traballos xa está practicamente rematado.

O principal labor centrouse no recubrimento de todo o vaso cunha lámina armada de PVC totalmente impermeable e de alta resistencia, co obxectivo de corrixir as filtracións e desprendementos que xa estaban empezando a producirse no gresite -os cadradiños cerámicos que cubrían o fondo e os laterais-. O novo material sintético cobre agora até a canaleta perimetral de rebose e vai colocado sobre unha especie de manta xeotéxtil de polipropileno con propiedades antifúnxicas.

A maiores da reparación do vaso, que xa está listo e cheo de auga para empezar a temporada, o proxecto tamén recolle melloras no exterior, concretamente no peche perimetral e no sistema de evacuación de pluviais dos vestiarios.

No primeiro caso estase substituíndo a antiga rede metálica  por paneis de malla electrosoldada e soportes específicos que rodearán toda a instalación respectando as alturas actuais. Antes de facer o novo cerramento foi necesario reparar e reforzar o murete duns 60 centímetros de altura que flanquea a piscina polo leste ao longo duns 35 metros. A outra intervención prevista no proxecto refírese á colocación de  tres canalóns de zinc na cuberta do ambigú, coa finalidade de minimizar a posibilidade de que pase auga ao interior das instalacións en días de chuvias intensas.

“Á piscina xa lle facía falta unha reparación en profundidade. E nunca mellor dito, porque o máis traballoso e custoso foi precisamente cambiar a cobertura do fondo e os laterais”, apuntou Secundino García Casal. O rexedor engade que o novo material “está deseñado para durar” e ofrece unha aparencia máis regular “e sen perigo de que se desprendan anacos, como estaba pasando xa co gresite”.

Pola súa banda, a concelleira de Axenda 2030 destacou que a piscina “gana en canto á xestión eficiente da auga e da enerxía que fai falla para mantela en perfectas condicións para o baño” dado que o novo recubrimento do vaso “impide que se produzan filtracións”, precisou Raquel Piñeiro López.

A obra adxudicouse en 63.121,86€, impostos incluídos, aínda que para as arcas municipais o investimento será moito menor, posto que a Deputación da Coruña -que tamén financiou hai 25 anos a piscina- achegará 50.000 euros por medio dunha subvención nominativa.

Inicio da temporada o luns 23 de xuño
Así as cousas, o Goberno local confía en que todo estea rematado e en orde de revista para o luns 23 de xuño, data prevista de inicio da temporada estival. É máis, as obras deberán estar concluídas xa para a tarde do venres 20, día no que comezará o XIX Torneo de Fútbol 8 organizado polo CF San Sadurniño. Como é tradicional, o Concello abrirá a piscina para a rapazada que participa no torneo de fútbol base durante toda esa fin de semana.

O horario de baños libres será o mesmo que os anos anteriores e manterase fixo ata o 7 de setembro: de 15:00 a 21:00h pola semana e de 14:00h a 21:00h os sábados, domingos e festivos.

A escola municipal de natación, que arrancará o 4 de xullo, está posta os mércores e venres a partir das 11:00h ofertando durante os dous meses centrais do verán as actividades de iniciación e perfeccionamento, sempre que se xunte un mínimo de participantes.

Para inscribirse nos cursos cómpre rexistrar a solicitude e efectuar o pagamento da taxa, que pode facerse con tarxeta  directamente nas oficinas municipais ou no banco mediante ingreso ou transferencia, que deberá adxuntarse á petición. Os prezos para rapazada ata 14 anos que estea empadroada son 15,12 euros (18,96€ a doutros concellos) e 25,19€ para maiores desa idade (31,50€ doutros municipios).

Para bañarse saen máis a conta os bonos
As entradas individuais para baños libres -3,99€ persoas adultas e 2€ menores de 14 anos- hai que collelas cada día na cantina da piscina, aínda que sae máis a conta sacar un bono para toda a temporada. Os individuais para maiores de 18 anos teñen un prezo de 35,27 euros para as persoas empadroadas e de 45,35€ para as de fóra de San Sadurniño.

Os abonos familiares ata catro persoas -cando a maioría delas sexan de San Sadurniño- teñen un prezo de 62,99€. Porén, se a maioría dos membros están empadroados fóra do noso concello, o prezo do abono familiar serán 75,59€. O bono increméntase en 6,30€ por cada persoa a partir da quinta, independentemente do empadroamento.

Os bonos deben solicitarse presencialmente na Casa da Cultura ou a través da Sede Electrónica, adxuntando fotocopia do carné da persoa solicitante, fotografías tamaño carné das persoas beneficiarias do abono -poden ser unha ou varias se é familiar-, o resgardo do pagamento da taxa, a ficha de solicitude e, de ser o caso, a fotocopia do carné xove (só para abonos individuais).

Igual que ocorre cos cursos, o pagamento pode facerse con tarxeta na propia Casa da Cultura ou ingresando/facendo transferencia e incorporando o resgardo ao formulario de petición.

Agora só falta que veña un verán con tempo xeitoso para gozar da piscina.

Publicacións Relacionadas