· O alcalde, José Carlos Vidal, recibiu ao subdelegado do Goberno na Coruña, Julio Abalde, para visitar as instalacións onde se situará o cuartel.
· A partir de xaneiro de 2026, o servizo contará con 12 axentes que se irán incorporando de xeito progresivo.
“Hoxe é un día moi importante para a nosa localidade, un que vai marcar un antes e un despois en materia de seguridade cidadá”. Así se expresaba o alcalde, José Carlos Vidal, con respecto á disposición dun futuro posto ordinario da Garda Civil no municipio. O rexedor e a concelleira, Patricia Lojo, recibiron, esta mañá, ao subdelegado do Goberno na Coruña, Julio Abalde, e ao coronel xefe da Comandancia Provincial da Coruña da Garda Civil, Fernando Pedreira Lata. O encontro serviu, non só para avanzar nos detalles do novo servizo, senón tamén para coñecer as dependencias onde se situará, localizadas ao carón da Policía Local.
Ata o de agora, o concello contaba con tres efectivos, pero a partir do mes de xaneiro, o da Pobra do Caramiñal será un posto ordinario con que formarán parte unha ducia de efectivos. A cobertura destes postos levarase a cabo de xeito gradual, permitindo incrementar a dotación de persoal ata acadar os 12 gardas civís cun sarxento/sarxento 1º como comandante de posto; un cabo 1º/cabo como segundo comandante de posto e dez gardas civís.
Vidal incidiu en que esta novidade é unha aposta clara pola “seguridade, a proximidade e a tranquilidade e benestar da cidadanía”. Tal e como subliñou, isto supón dar un paso máis “cara á construción dunha Pobra máis segura, cohesionada e con mellores servizos públicos”. O primeiro edil aproveitou a ocasión para agradecer a colaboración do Ministerio de Interior, da Dirección Xeral da Garda Civil e da Delegación do Goberno e amosou a súa completa disposición “para colaborar na posta en marcha deste proxecto e contribuír co labor esencial que desenvolve diariamente a Garda Civil”.
Na mesma liña, o subdelegado puxo en valor a decisión, destacando que a “conversión do posto auxiliar en posto ordinario supón un claro beneficio para a cidadanía, ao permitir ofrecer un servizo da Garda Civil máis próximo, estable e eficaz, cunha maior presenza no territorio e unha mellor atención ás necesidades da veciñanza”.



