HomeA CoruñaA Pobra comeza a instalar o quinto contedor nas zonas con negocios...

A Pobra comeza a instalar o quinto contedor nas zonas con negocios de hostalaría e na Praza de Abastos

- Anuncio -spot_img

· Concello colocou 32 colectores marróns con peche e entregará, proximamente, novos elementos aos responsables dos negocios para facilitar a separación da fracción orgánica.

· O alcalde, José Carlos Vidal, incide en que esta medida busca avanzar cara a un modelo “máis eficiente, sostible, respectuoso co medio ambiente e sen custo adicional para a veciñanza.

Avanzar cara a un modelo de xestión máis eficiente, sostible, respectuoso co medio ambiente e sen custo adicional para a cidadanía. Eses son os obxectivos que o alcalde, José Carlos Vidal, confía en conseguir coa instalación do quinto contedor de materia orgánica. O rexedor anunciou que o Concello puxo en marcha, o pasado sábado, un novo servizo de recollida de biorresiduos por medio da instalación de 32 colectores marróns nas inmediacións dos coñecidos como “grandes produtores”. Isto é, nas contornas dalgúns negocios hostaleiros e nas inmediacións da Praza de Abastos.

Como explicou o primeiro edil durante a conferencia de prensa, a prestación non está aínda dispoñible para a cidadanía xeral, senón que se trata “dun proxecto piloto implantado en puntos concretos nos que se localizan os grandes produtores”. O proxecto materializouse na disposición de 32 colectores de cor marrón e con peche. Durante os meses de inverno (de outubro a marzo) estes serán baleirados os luns, mércores e sábados, mentres que no verán esta tarefa se levará a cabo todos os días (agás os domingos) co fin de previr malos olores e acumulación excesiva, sobre todo nos meses de máis calor.

Como avanzou Vidal, en paralelo á colocación destes elementos, o Concello entregará aos responsables destes negocios contedores de menor dimensión (con capacidade para 60, 80 e 120 litros) e bolsas específicas. Trátase de material que os hostaleiros poderán empregar para o almacenamento e posterior depósito dos residuos nos colectores exteriores.

Nos últimos días, persoal especializado na materia fixo a entrega das chaves e de material informativo aos responsables dos establecementos, aclarando as dúbidas e dando pautas para o uso correcto.

Aforro económico

A eficacia e sostibilidade son dúas das vantaxes máis importantes que traerá consigo a implantación do quinto contedor. Con todo, a estas hai que sumar, ademais, a económica. Ata o de agora, a fracción orgánica trasladábase mesturada con outros residuos á planta de Cerceda, cun custo para o Concello de 95 euros máis IVE por tonelada. O novo modelo con separación da fracción orgánica en orixe suporá o traslado de residuos á instalación designada pola Xunta de Galicia, localizada Vilanova de Arousa. Unha vez alí, os residuos serán tratados e transformados en compost de calidade, o que suporá un menor impacto económico nas arcas municipais.


As persoas que precisen máis información poden contactar co Concello no teléfono 981 843 280 e preguntando polo departamento de Medio Ambiente.

Publicacións Relacionadas