· O arqueólogo, Mario Ramos, está realizando a prospección no lugar como continuidade aos traballos executados no 2024.
· O Concello organiza unha visita guiada para este xoves, 9 de outubro, ás 18.30 horas.
O Concello iniciou, esta semana, os labores de escavación no xacemento da Corte do Santo. Os traballos contan cun orzamento de máis de 2.000 euros de fondos municipais e darán continuidade aos realizados no 2024 neste mesmo lugar. Co obxectivo de dar a coñecer os novos resultados á cidadanía, o Concello celebrará este xoves, 9 de outubro, ás 18.30 horas unha visita guiada dirixida polo arqueólogo da prospección, Mario Ramos.
A actividade é gratuíta e de asistencia libre. A saída está prevista desde A Portela. Ao longo da mesma, o responsable da sondaxe revelará ao público asistente os resultados obtidos ata o de agora, tanto os correspondentes coa sondaxe actual como os da última campaña.
As tarefas que están en marcha na Corte do Santo serán a continuación das do ano pasado, cando se confirmou a hipótese que vencella este xacemento ao momento final da plena Idade Media e ao inicio da baixa Idade Media. En concreto, unha das teorías con máis forza apuntan a que A Corte do Santo fose un lugar de culto, un pequeno oratorio do convento da Misarela.
A principal liña de traballo da prospección actual basearase en tratar de rematar a escavación das estruturas que foran localizadas na anterior campaña para afondar no seu coñecemento.
O alcalde, José Carlos Vidal, incide en que a recuperación e posta en valor do patrimonio inmaterial da Pobra do Caramiñal “é unha das nosas prioridades”. Un obxectivo que se continúa referendando, non só con estas escavacións, senón tamén con actividades como as xornadas de historia e patrimonio A Pobra do Caramiñal no tempo celebradas hai só unhas semanas, lembra Vidal. O rexedor anima á cidadanía a participar na visita deste xoves, que cualifica como unha “oportunidade única para saber máis da historia do noso municipio”.