HomeA CoruñaA Pobra pon en marcha un servizo de asesoramento xurídico especializado en...

A Pobra pon en marcha un servizo de asesoramento xurídico especializado en estranxeiría

- Anuncio -spot_img

A iniciativa está dirixida a persoas migrantes, emigrantes retornadas e solicitantes de protección internacional en situación de vulnerabilidade

O asesoramento será prestado polas avogadas da Asociación de Migrantes de Galicia na sede dos Servizos Sociais os venres. Requírese cita previa

O Concello da Pobra do Caramiñal pon en marcha un servizo de asesoramento xurídico especializado en estranxeiría. A iniciativa está dirixida a persoas migrantes, emigrantes retornadas e solicitantes de protección internacional que se atopan en situación de vulnerabilidade e/ou exclusión social.

O asesoramento será prestado polas avogadas da Asociación de Migrantes de Galicia (AMIGA) e realizarase mediante derivación dos Servizos Sociais comunitarios, tal e como detallou a concelleira desta área, Amparo Cerecedo, durante a presentación do programa.

A atención terá lugar na sede dos Servizos Sociais, os venres, en horario de mañá, contemplándose tamén a posibilidade de realizar consultas en liña. Para acceder ao servizo é necesario solicitar cita previa, polo que as persoas interesadas deberán achegarse previamente polas oficinas deste departamento para tramitala.

O servizo está centrado no ámbito xurídico en materia de estranxeiría, ofrecendo asesoramento e orientación na realización de trámites como a obtención de residencia, nacionalidade, reagrupamento familiar ou homologación de títulos. Prestarase especial atención ás consultas relacionadas coa regularización extraordinaria que se aprobará en breve polo Goberno. Non se trata dun servizo vinculado ás áreas de emprego ou vivenda, que se xestionan por outras vías.

A edil destacou que é “unha satisfacción retomar este servizo de asesoramento tan demandado nestes momentos, xa que A Pobra é unha vila acolledora e solidaria”. Cerecedo asegurou que “hai un incremento de persoas migrantes que escollen o noso concello para vivir e, polo tanto, consideramos imprescindible que poidan acceder a un servizo que lles permita orientación para a súa legalización”.

Subliñou, por último, que se trata dun programa “aberto a toda a veciñanza, non só a aquelas persoas que participan en diferentes programas de Servizos Sociais”.

O servizo está financiado pola Consellería de Política Social e o Fondo Social Europeo no marco do Programa “FSE + Galicia 2021-2027”.

Publicacións Relacionadas