· O Teatro do Cine Elma acolleu, esta tarde, a celebración de catro conferencias a cargo de expertos na materia.
· O programa concluirá mañá, domingo 28 de setembro, cunha andaina na que tomarán parte 73 persoas.
Unha tarde para reivindicar a historia, o patrimonio e a identidade do municipio. Así foi como describiu o alcalde, José Carlos Vidal, as Xornadas de Divulgación e Historia Pobrense A Pobra do Caramiñal no tempo. Durante a inauguración no Teatro do Cine Elma, o rexedor sinalou o seu orgullo polas excelentes cifras de asistencia nesta oitava edición: “como alcalde, é unha satisfacción comprobar que esta actividade suscita tanto interese entre a veciñanza pero, sobre todo, é un orgullo que haxa tanta xente apaixonada pola historia e o patrimonio do municipio”. A súa intervención deu paso a catro relatorios sobre distintas cuestións: toponimia do concello, ritos e tradicións vinculados aos cruceiros, o papel das árbores como puntos de toma de decisións nos pobos e movementos migratorios. No acto inaugural estivo presente tamén a concelleira de Cultura, Patricia Lojo.
En total, as conferencias contaron coa participación de máis de 100 persoas. Baixo o título de Tradición, cambio e fantasía nos nomes de lugar da Pobra, a primeira delas correu a cargo de Miguel Conde. O investigador descubriu ao público os resultados dun traballo de anos nos que se dedicou a recoller topónimos polas distintas parroquias da Pobra.
A continuación, foi a quenda de da investigadora en Antropoloxía e Etnografía, Nati Rey, que tomou a remuda con Ritos de vida, ecos de morte: a fertilidade e a perda temperá nos cruceiros e na cultura popular.
A terceira conferencia estivo dirixida por Manuel Gago, que expuxo As árbores do concello na Pobra do Caramiñal e en Galicia: unha memoria perdida. Durante a mesma, Gago explicou a importancia destes elementos naturais como lugares onde se tomaban decisións institucionais de calado.
José Manuel Vázquez Lijó, da Universidade da Coruña, foi o encargado de pechar a xornada do sábado con Sobre pioneiros pobrenses en facer as Américas (19.20 horas). Vázquez Lijó falou das primeiras migracións no municipio, que datan do século XIX.
Xornada de peche
A Pobra do Caramiñal no tempo concluirá o domingo, 28 de setembro, cunha andaina na que o público participante descubrirá os cruceiros, lendas e rituais de San Isidro de Postmarcos. Na actividade tomarán parte 73 persoas, cubríndose así as prazas dispoñibles para a proposta.