• A concelleira de Servizos Sociais, Amparo Cerecedo, e o director do Centro Sociocomunitario, Ricardo Lago, presentaron esta mañá a iniciativa, que está estruturada en dúas liñas: unha de Envellecemento Activo e outra de Musicoterapia
A concellería de Servizos Sociais presentou esta mañá o programa de Envellecemento Activo 2026, unha iniciativa dirixida a mellorar a autonomía, a calidade de vida e o benestar das persoas maiores do municipio.
O programa estrutúrase en dúas liñas de acción principais: Envellecemento activo e Musicoterapia, ambas deseñadas para fomentar a participación social e favorecer hábitos saudables e que gozaron dunha moi boa acollida na edición anterior. Por ese motivo, mantense a ampliación no número de prazas (preto de 60) e os tres grupos de musicoterapia.
No caso de Envellecemento activo, desenvolverase o primeiro semestre do 27 de marzo ao 29 de maio e o segundo do 9 de outubro ao 27 de novembro. No relacionado a Musicoterapia, terá lugar do 1 de abril ao 27 de maio e do 14 de outubro ao 9 de decembro.
Tal e como detallaron a concelleira de Servizos Sociais, Amparo Cerecedo, e o director do Centro Sociocomunitario, Ricardo Lago, “este tipo de iniciativas son fundamentais para mellorar a calidade de vida das persoas maiores, fomentar a súa participación activa na sociedade e mellorando o seu benestar, xa que ao fin e ao cabo estamos falando dunha cuestión de saúde”.
As persoas interesadas en participar neste programa, cofinanciado pola área de Servizos Sociais e a Deputación da Coruña, poderán inscribirse no Centro Sociocomunitario e de Benestar da Pobra do Caramiñal.



