A Pobra promoverá o deporte co lanzamento dunha vintena de disciplinas para mozos e adultos

adminON
Lectura mínima de 6
  • concelleiro de Deportes, Eloy Sobrido, presentou, esta mañá, a oferta de actividades que o Concello celebrará ao longo do curso 2025-2026.

Fomentar a práctica deportiva e a adopción dun estilo de vida saudable entre a veciñanza. Ese é o obxectivo que o Concello busca co lanzamento dunha nova edición das súas Escolas Deportivas Municipais e das actividades para persoas adultas para o curso 2025-2026. O concelleiro de Deportes, Eloy Sobrido, presentou, esta mañá, a convocatoria “que abrangue máis dunha vintena de disciplinas diferentes e dirixidas a veciños e veciñas de todas as idades”. Durante a presentación, estivo acompañado polos técnicos municipais, Tachi Oubiña e Ana Romero.

As propostas son froito da colaboración entre a Administración local e os diferentes clubs asentados no municipio. Por unha banda, a Concellería de Deportes xestionará, directamente, os programas de educación física base-predeporte (para os nados entre o 2019 e o 2022) e o de fútbol sala mixto (con categorías chupete, sub-8, sub 10 e sub-12, para pequenos nados entre o 2014 e o 2021).

Tecido asociativo

A programación deportiva na Pobra para o curso 2025-2026 será variada e, grazas á colaboración coas entidades e clubs deportivos, a rapazada poderá gozar das seguintes disciplinas:

  • Artes marciais coa Asociación Deportiva Kempo
  • Atletismo coa A.A.D. Barbanza
  • Baloncesto co Club Asambal
  • Fútbol co Crocha Balompé Club de Fútbol e co Puebla F.C.
  • Patinaxe artística co Club Patinaxe A Pobra
  • Remo co Club Remo Puebla
  • Tenis co Club de Tenis Punta Salera
  • Tenis de mesa coa Agrupación Deportiva Costa Oeste Deporte Adaptado (ADECO-DEA)
  • Xadrez e xogos de mesa co C.D. Marquiño/Xadrez Brétema
  • Tiro con arco co Club Arqueiros do Barbanza.

Para adultos

Os adultos atoparán tamén unha ampla variedade de iniciativas para manterse en forma. Así, o calendario contará con ximnasia de mantemento; pilates; camiñadas e estiramentos; camiñadas para maiores; ximnasia para maiores; full body e baile; salsa e ritmo latino. Todas estarán dirixidas para público maior de 16 anos, agás as camiñadas e a ximnasia para maiores, para persoas de máis de 55 anos e a de baile, salsa ritmo latino. Neste último caso, as sesións están pensadas para mozos e mozas a partir dos 14 anos.

En canto ao inicio, está previsto que comecen o mércores, 1 de outubro. As modalidades de fútbol sala mixto, a de educación física de base-predeporte, e as de adultos (agás a de baile) levaranse a cabo en dous períodos de catro meses. Así, o primeiro irá do 1 de outubro ao 30 de xaneiro e o segundo do 2 de febreiro ao 29 de maio.

Bonificacións e inscricións

O Concello aplicará bonificacións do 50% polo segundo fillo/a, resultando gratuíto para o terceiro fillo ou filla. Neste caso, as solicitudes poderán facerse a partir do luns, 15 de setembro, ás 9.00 horas.

Para participar nas actividades de adultos (agás na de baile), o Concello habilitará dous prazos de inscrición: o primeiro do 15 ao 18 de setembro para dar continuidade ás persoas que completaron a actividade na tempada anterior e o segundo a partir do 19 de setembro para novos matriculados.

As inscricións poden realizarse a través dos formularios de continuidade e nova solicitude para as actividades adultas e no correspondente das Escolas Deportivas Municipais que estarán dispoñibles nas oficinas de Deportes e na web municipal. O formulario deberá entregarse cuberto nas oficinas de rexistro ou na sede electrónica.

Os veciños e veciñas que precisen máis información poderán achegarse ás oficinas de Deportes e contactar no teléfono 981 831 545 (extensión 1) ou no correo deportes@apobra.gal.

LXIV Milla Urbana Nocturna da Pobra

O Concello presentou, un ano máis, a LXIV Milla Urbana Nocturna da Pobra, unha proba que organiza xunto á Asociación de Atletismo e Deportes do Barbanza. O concelleiro de Deportes animou á veciñanza a sumarse á cita, que se presenta “como un clásico na programación anual e que está aberta á participación de persoas de todas as idades”. A Milla Urbana levarase a cabo o venres, 19 de setembro, abranguendo as modalidades desde a sub-6 ata a máster.

As saídas faranse a partir das 21.50 horas desde as inmediacións dos xardíns de Valle-Inclán, que servirán tamén como liña de meta do evento arredor da medianoite. Ao rematar, farase unha entrega de trofeos aos tres primeiros clasificados en cada categoría e outorgaranse, ademais, medallas a todos os rapaces e rapazas que compitan na sub-6 e sub-8. A maiores, concederanse premios económicos aos corredores que acaden os tres mellores tempos das distintas carreiras: 150 euros para o primeiro posto, 100 para o segundo e 50 para o terceiro.

As persoas interesadas poderán anotarse presencialmente no departamento de Deportes, en horario de 9.30 a 14.30 horas, ou a través dos teléfonos 981 831 545 e 619 229 946.

Comparte este artigo