· Máis dunha vintena de persoas recibiron este regalo, unha mostra de agradecemento polo seu labor nas Concellerías de Servizos Sociais, Benestar Animal e Seguridade.
A Pobra conta cunha rede de voluntarios que colabora, de xeito altruísta, con varios departamentos municipais. Trátase dun labor que o goberno local cualifica de “esencial” e que, onte, se premiou coa entrega do tradicional agasallo de Nadal. Esta correu a cargo do alcalde, José Carlos Vidal, e da concelleira de Servizos Sociais, Amparo Cerecedo, que agradeceron a “súa entrega e dedicación”.
En total, foron 24 os voluntarios e voluntarias que recibiron este regalo pola súa colaboración cos seguintes departamentos municipais: na Concellería de Servizos Sociais, na Concellería de Benestar Animal (a través da Asociación Protectora de Animais Moura) e na de Seguridade (por medio de Protección Civil).
Durante a súa intervención, o rexedor enxalzou o seu “altruísmo e a súa dedicación para seguir traballando para mellorar o día a día da Pobra do Caramiñal”. José Carlos Vidal agradeceu o seu traballo “a prol da mellora dos servizos para a cidadanía, un labor que, nalgúns casos, vén de hai anos”.



