· A concelleira de Igualdade, Estefanía Ramos, presentou esta mañá a programación municipal polo Día Internacional das Mulleres
· A proposta contempla accións coeducativas para transmitir estes valores á mocidade e unha concentración diante da Casa Consistorial o domingo, 8 de marzo, ás 12.30 horas
O Concello da Pobra do Caramiñal conmemora o 8 de marzo, Día Internacional das Mulleres, cun amplo programa de actividades que combina accións educativas e actos institucionais co obxectivo de seguir avanzando cara a unha igualdade real.
“Este 8M queremos que a nosa vila sexa un espazo de reflexión, de visibilización e tamén de participación activa”, sinalou a concelleira da área, Estefanía Ramos, durante a presentación da programación. A edil fixo fincapé en que “traballar pola igualdade debe ser un compromiso diario e unha responsabilidade colectiva que garanta dereitos, oportunidades e respecto para todas”.
O programa tamén contempla nesta edición varias propostas centradas no traballo coeducativo. Así, os colexios de educación infantil recibirán ao longo da semana un lote de libros que permitirán abordar na aula cuestións tan importantes como a igualdade, a resolución de conflitos de forma pacífica, o respecto pola diversidade ou a deconstrución dos roles de xénero. Entre os títulos seleccionados atópanse ‘Nos tratamos bien’, ‘Mieko baila’ e ‘Jorge lleva el pelo largo’, recursos que fomentan desde idades temperás valores como a convivencia ou o respecto.
Por outra banda, os centros de educación primaria contarán con xogos que promoven actitudes como a sensibilización, cooperación e respecto. A través deles, os nenos e nenas poderán reflexionar e derrubar estereotipos e roles de xénero, contribuíndo así á construción dunha sociedade máis xusta e igualitaria.
Ademais, ao longo desta semana levarase a cabo a presentación do Servizo de Igualdade no IES A Pobra, no CPR Divino Maestro e no CAD A Pobra, co fin de dar a coñecer este recurso municipal e facilitar a accesibilidade das persoas máis novas ao mesmo. Durante esta sesión farase unha explicación das funcións deste servizo e presentarase o persoal que traballa nel para achegarllo á mocidade.
O acto central da programación terá lugar o propio domingo, 8 de marzo, ás 12.30 horas, fronte á Casa Consistorial. A concentración contará coa intervención de varias veciñas, que reclamarán dereitos para as mulleres e a necesidade de acadar unha “Igualdade real, xa!”. Así mesmo, procederase á lectura do manifesto por parte da concelleira de Igualdade, Estefanía Ramos. O rematar o acto, percorrerán as rúas a charanga feminina Bicoia sumando a música a esta xornada reivindicativa.
Ramos concluíu animando á cidadanía “a acompañarnos, a escoitar as voces das mulleres da nosa vila e a formar parte deste compromiso colectivo por unha sociedade máis xusta e igualitaria o vindeiro domingo 8 de marzo ás 12:30 horas diante da Casa do Concello”.



