HomeA CoruñaA Pobra revelará os achados da escavación no Castro da Croa cunha...

A Pobra revelará os achados da escavación no Castro da Croa cunha visita guiada ao xacemento

- Anuncio -spot_img

·      Será este xoves, 11 de decembro, ás 16.00 horas. O punto de partida será o local da Comunidade de Montes de San Isidro de Postmarcos.

O Concello descubrirá aos veciños e veciñas os achados da escavación no Castro da Croa. Farao este xoves, 11 de decembro, a partir das 16.00 horas cunha visita guiada que se leva a cabo en colaboración coa Comunidade de Montes de San Isidro de Postmarcos. Trátase dunha actividade completamente gratuíta e que non require de inscrición previa.

O alcalde, José Carlos Vidal, anima á veciñanza a participar na visita, que se presenta como “unha oportunidade única para saber máis sobre o xacemento, un dos máis importantes e singulares da comarca”. E é que a Croa de Postmarcos “é o primeiro castro de interior que se escava no Barbanza”, apunta Vidal.

O obxectivo da actividade deste xoves é achegar aos veciños a historia do xacemento e pór en valor a súa importancia, co fin de favorecer unha mellor preservación do patrimonio municipal. O Concello xa realizara unha iniciativa similar na Corte do Santo, que foi obxecto dunha prospección no pasado mes de outubro.

Un xacemento singular

O Castro da Croa foi adquirido polo Concello no 2024 para garantir a súa conservación e promover investigacións como as que están en marcha. Está considerado de tamaño medio e destaca por dous aspectos: por unha banda, por ser o único castro cun recinto circular no que se aproveitou o outeiro rodeado polo río e, pola outra, polo bo estado de conservación no que se atopa o seu sistema defensivo.

As tarefas que se están a levar a cabo no Castro da Croa comprenderán unha superficie duns 60 metros cadrados, e permitirán indagar no que se sabe da Idade de Ferro en Galicia e sobre a orixe dos praestamáricos, un pobo que viviu nesta comarca durante esa etapa histórica. 

A empresa Tempos Arqueólogos está asumindo a execución dos traballos, que contan cun investimento de 18.000 euros asumidos pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia. Está previsto que a campaña conclúa o venres, 12 de decembro.

Publicacións Relacionadas