HomeA CoruñaA Pobra solicitará unha axuda á Deputación para enxalzar a súa enogastronomía...

A Pobra solicitará unha axuda á Deputación para enxalzar a súa enogastronomía e patrimonio natural, cultural e histórico

- Anuncio -spot_img

· Como explicou a concelleira de Turismo, o programa buscará implicar á poboación local, “fomentando o sentimento de orgullo polo noso e facéndoa participe, de xeito que poida compartir cos visitantes a riqueza da nosa contorna”.

O Concello solicitará á Deputación da Coruña unha subvención para celebrar as xornadas A Pobra do Caramiñal: vive a experiencia. Así se acordou, esta mañá, nun pleno extraordinario no que o asunto saíu adiante co voto favorable de toda a corporación municipal. Como explicou a concelleira de Turismo, Estefanía Ramos, o programa levarase a cabo en dúas xornadas con distintas actividades coas que se buscará implicar á poboación local, “facéndoa partícipe desta experiencia e promovendo que comparta cos visitantes a riqueza da nosa contorna e o sentir do noso pobo”. O obxectivo será “resaltar a importancia do turismo como motor económico e como sector clave para o desenvolvemento sostible do noso municipio”, incidiu a edil.

Para a realización do programa, o Concello pedirá unha axuda ao ente provincial de preto de 13.413.72 euros. A intención é celebrar A Pobra do Caramiñal: vive a experiencia no 2026 e en dúas xornadas (sábado e domingo). Como explica a concelleira, o programa abranguería todas as actividades que a Concellería de Turismo pon en marcha anualmente para enxalzar os recursos naturais, culturais, patrimoniais e enogastronómicos da Pobra e que buscan que as persoas visitantes gocen dunha experiencia o máis completa posible.

As distintas actividades estarán divididas en función dos catro eixos temáticos (enogastronomía, posta en valor do patrimonio natural, patrimonio cultural e patrimonio histórico), ofrecendo alternativas para todos os gustos e idades. A oferta incluirá catas de viños, mostras de cociña, visitas ás bateas da ría, charlas con expertos en xeografía e patrimonio, viaxes en veleiro, actuacións musicais, visitas teatralizadas, etc. Como parte da iniciativa, prevese a gravación dun vídeo que se empregará para a realización de campañas de difusión e promoción dos atractivos turísticos do concello.

Outros puntos

Na sesión extraordinaria saíron adiante tamén a proposta para destinar 178.932,22 euros da primeira fase do POS+Adicional da Deputación da Coruña a gasto corrente. Así mesmo, recibiu luz verde a modificación da Relación de Postos de Traballo para incorporar unha nova praza de técnico de administración xeral. O pleno serviu para aprobar, ademais, un crédito extraordinario e un suplemento de crédito e recibiu luz verde tamén un recoñecemento extraxudicial de crédito para o pago dunha factura. Na sesión saíu adiante tamén a nova política de seguridade da información por unanimidade.

Publicacións Relacionadas