Home A Coruña A Pobra solicitará unha axuda da Deputación para un plan pioneiro co...

A Pobra solicitará unha axuda da Deputación para un plan pioneiro co que activar locais baleiros e apoiar o emprendemento

0
1

· A través deste programa, o Concello crearía unha bolsa de inmobles comerciais sen ocupar que, tras a concesión mediante concurso, poderán empregar os emprendedores de xeito gratuíto durante un ano.

· O asunto saíu aprobado no pleno ordinario por unanimidade de votos da corporación.

O Concello solicitará unha axuda á Deputación da Coruña para impulsar, en 2026, o programa municipal de novas aperturas comerciais Premio EMPREDECO-POBRA. Así se acordou no pleno ordinario celebrado, esta mañá, por unanimidade. Tal e como explicou a edil de Promoción Económica, Amparo Cerecedo, con esta medida buscarase un dobre obxectivo: “activar os locais baleiros do termo municipal e apoiar o novo emprendemento”.

Trátase, en palabras da concelleira, dunha iniciativa “innovadora”, non só na Pobra do Caramiñal, senón tamén na comarca do Barbanza. Porén, segundo indica Cerecedo, esta experiencia foi testada xa con éxito noutros concellos de Lugo, Valladolid, Barcelona, Sevilla, entre outros.

A través deste programa, o Concello crearía unha bolsa municipal de locais comerciais baleiros para, posteriormente e a través dun concurso aberto, conceder os Premios EMPREDECO-POBRA. Estes galardóns consistirán en facilitar que novos emprendedores e emprendedoras que desexen abrir un novo comercio poidan facer uso destes espazos de xeito gratuíto durante un ano. Estes emprendedores contarían, ademais, con apoio económico para asumir os custos iniciais da posta en funcionamento da actividade, así como con asesoramento municipal de cara a mellorar a súa viabilidade empresarial e optimizar as posibles sinerxías coa administración e outras entidades comerciais e asociativas do concello e da comarca.

Un dobre obxectivo

Con este plan, conseguiríase un dobre obxectivo. Así, non só se brindaría apoio ás novas iniciativas emprendedoras, senón que tamén se dinamizarían determinadas zonas do concello de baixa densidade comercial. Desde a Concellería de Promoción Económica confían en pór en marcha o programa, considerando que se axusta “ás necesidades singulares do tecido local da Pobra”, incidiu Amparo Cerecedo.

Ao abeiro deste programa poríanse en marcha campañas de promoción do comercio local e, ademais, valoraríase a implantación de fórmulas novidosas como, por exemplo, as tendas efémeras ou novos formatos de colaboración comercial.

A posta en marcha dos Premios EMPREDECO-POBRA tería unha valoración de 100.000 euros. O Concello solicitará o unha subvención á Deputación de 80.000 euros e asumiría a contía restante con fondos municipais.

Outros asuntos

No pleno desta mañá ratificouse a aprobación do convenio de adhesión da Pobra do Caramiñal ao programa específico de promoción da reciclaxe a través das plantas de compostaxe promovidas pola Xunta de Galicia. A aprobación en pleno era un trámite indispensable para que os residuos sexan aceptados na planta de Vilanova de Arousa. Tal e como xa se avanzara cando se iniciou a implantación do contedor marrón, ata o de agora, a fracción orgánica trasladábase mesturada con outros residuos á planta de Cerceda. O novo modelo con separación da fracción orgánica en orixe supón o traslado de residuos á instalación designada pola Xunta de Galicia, localizada Vilanova de Arousa. Unha vez alí, os residuos son tratados e transformados en compost de calidade, o que suporá un menor impacto económico nas arcas municipais. O punto saíu adiante por unanimidade de votos da corporación.

No pleno saíu adiante, ademais, o Plan Económico Financeiro para os anos 2025-2026 agora que o Goberno central activou, de novo, as regras fiscais. O punto aprobouse co voto a favor de Nós Pobra, BNG, PSOE e Veciñxs Independentes da Pobra e co voto en contra do PP.

O Concello aprobou tamén unha proposta con motivo do 25N (Día de Eliminación da Violencia contra a Muller) para amosar o rexeitamento da corporación fronte a esta lacra social, así como dúas propostas de alteración da cualificación xurídica de dous camiños. Os tres puntos saíron adiante por unanimidade.