· A idea xurdiu a raíz da situación que se viviu no mes de maio e busca un claro obxectivo: garantir o funcionamento dos servizos esenciais para a seguridade da cidadanía.
O Concello disporá dun plan municipal de apagamentos. Así o confirma o alcalde, José Carlos Vidal, sinalando que se trata dunha “iniciativa pioneira na que Protección Civil leva meses traballando e que está xa moi avanzada”. Tanto é así, que a previsión é que o documento poida estar concluído durante a primavera para a súa posterior aprobación en pleno. Este documento xorde a raíz do apagamento eléctrico de gran alcance rexistrado no pasado mes de maio, que afectou a España, Portugal e zonas de Francia, e persegue un obxectivo claro: garantir a seguridade da cidadanía e a continuidade dos servizos esenciais ante situacións de emerxencia similares.
Para lograr esta meta, o plan estrutúrase arredor de dous eixos fundamentais. Por unha banda, asegurar as vías de comunicación entre os corpos e forzas de seguridade e os servizos de emerxencia. Pola outra, preservar o funcionamento de instalacións e prestacións clave, como a base de Protección Civil, as dependencias da Policía Local, o centro de saúde e a Residencia de Maiores da Pobra do Caramiñal.
Como lembra o xefe da Agrupación de Protección Civil, David Cardalda, nas horas do apagamento atendéronse numerosas incidencias, “algunhas de importancia”. Entre elas, apunta a xestión dun incendio e a alerta polo lanzamento dunha bengala vermella entre O Conchido e Boiro. Ante a caída da rede móbil, ambas intervencións foron coordinadas mediante radio e a canle de salvamento marítimo. “O noso sistema de comunicacións dixital non caeu en ningún momento, conta cunha ampla autonomía e non tivemos problemas de comunicación”, explicou. A raíz disto, e en coordinación coa Alcaldía, estudouse a posibilidade de confeccionar un plan específico para blindar prestacións e instalacións “esenciais” ante situacións de emerxencia similares.
Así, fíxose un estudo detallado dos puntos críticos nun escenario similar: o centro de saúde e a residencia de maiores da Pobra do Caramiñal, así como a propia base de Protección Civil e as dependencias da Policía Local. Trátase de servizos que deberían seguir en funcionamento en caso de producirse unha situación similar.
Actualmente, o Centro de Coordinación Operativa Municipal (CECOPAL) está situado na base de Protección Civil e dispón dun xerador con capacidade e autonomía para que poida estar activo en caso de caída eléctrica. A previsión é adaptar as distintas instalacións eléctricas para poder conectar, de xeito rápido e eficaz, un xerador en caso de que volva a repetirse esta situación, garantindo o funcionamento de todas as dependencias esenciais.
Ademais de garantir a subministración eléctrica, as redes de comunicación supoñen outra das liñas mestras do documento. Neste caso, a idea é facer extensivo o sistema de comunicacións VHF dixital co que xa traballa Protección Civil e manter, ademais, os dispositivos antigos analóxicos por se fose necesario o seu uso.
No caso do VHF, trátase dun sistema de radio bidireccional empregado na coordinación de emerxencias e que é independente da rede eléctrica e da telefonía. A idea é que o Concello (a través do propio alcalde), a Policía Local, o centro de saúde e á residencia de maiores dispoñan de dispositivos similares para que exista unha comunicación continuada segura e autónoma en situacións de crise.



