A actividade terá lugar no 8 de agosto, en horario de tarde
A terceira edición da xuntanza de esculturas de area chega ao seu fin coa terceira e última parada: a praia da Corna, en Palmeira. Esta cita converterá o areal nunha zona na que a rapazada poida expresar a súa creatividade con auga e area durante o sábado, 8 de agosto, de 16.00 a 20.00 horas.
O Concello de Ribeira promove esta acción coordinada por Suso Paz e coa colaboración de diversas empresas locais para “ofrecer á rapazada alternativas de lecer nas contornas mariñas das nosas parroquias na compaña das súas familias. Iniciamos na praia do Porto, en Aguiño, para seguir na da Ladeira, en Corrubedo, e rematar na Corna, en Palmeira. É un evento sempre con moi boa acollida, pois estamos falando de que na Ladeira participaron máis dun cento de nenos e nenas que, xunto aos seus familiares, representaron arredor de 300 persoas neste anaco de litoral”, en palabras do concelleiro de Mar e Promoción do Litoral, Fernando Abraldes.
As esculturas unicamente poderán ser realizadas con material e utensilios propios da praia como caldeiros, pas ou rastros e só se permite a auga como método para aglomerar a area.
O equipo de Ágape exercerá novamente de xurado das esculturas, repartindo premios elaborados por SonAgasallo.
As inscricións realizaranse na oficina de Turismo con teléfono de contacto 981 873 007.

