A praia da Ladeira convértese en segunda parada da terceira edición da xuntanza de esculturas de area

Redacción

 O Concello de Ribeira promove esta actividade coa colaboración de diversas empresas locais

O litoral ribeirense volverá ser escenario para a creatividade da rapazada coa terceira edición da xuntanza de esculturas de area que fará parada no domingo, 26 de xullo, na praia da Ladeira, en Corrubedo, de 10.00 a 20.30 horas.

Trátase dunha cita que promove o Concello de Ribeira, coordinada por Suso Paz e que conta coa colaboración de diversas empresas locais. Celebrarase así a súa segunda parada no que vai de ano despois do seu paso pola praia do Porto, coincidindo coas festas de  Aguiño.

Poderán participar tódolos nenos e nenas con idades comprendidas entre os 3 e 12 anos, xunto ás súas familias. O concelleiro de Mar e Promoción do Litoral, Fernando Abraldes, destaca que esta actividade xera “un espazo de encontro interxeracional onde desfrutan tódolos membros da familia. Xa estivemos en Aguiño nas pasadas datas e agora desprazámonos ata Corrubedo para seguir desfrutando deste evento con gran éxito de participación cada verán. Os nosos areais convértense novamente en zonas para a expresión artística, gozando dunha maneira diferente da nosa costa e poñendo en valor os nosos recursos naturais e paisaxísticos vinculados ás zonas marítimas.”

As esculturas unicamente poderán ser realizadas con material e utensilios propios da praia como caldeiros, pas ou rastros e só se permite a auga como método para aglomerar a area.

O equipo de Ágape exercerá novamente de xurado das esculturas, repartindo premios elaborados por SonAgasallo.

As inscricións realizaranse na oficina de Turismo con teléfono de contacto 981 873 007.

Comparte este artigo