A alcaldesa, Inés Rey, recibiu en María Pita á asociación Dano Cerebral A Coruña
A alcaldesa, Inés Rey, recibiu en María Pita ao presidente da asociación Dano Cerebral A Coruña, Juan Luis Delgado. Este domingo 26 de outubro a praza de María Pita acollerá o acto de lectura do manifesto polo Día Nacional do Dano Cerebral Adquirido, con actividades abertas á cidadanía desde as 10.30 horas.
“O labor das institucións debe ser sempre o de apoiar aqueles proxectos e entidades que traballan en favor dunha maior xustiza social e da igualdade”, sinalou a alcaldesa, Inés Rey.
Este ano o manifesto polo Día Nacional do Dano Cerebral Adquirido leva por título ’30 anos construíndo dignidade’ e conmemora os tres decenios da fundación da Federación Española de Dano Cerebral. O texto tamén insta ás administracións a garantir respostas coordinadas, equitativas e universais fronte ao DCA.
Para conmemorar este día, ademais da lectura do manifesto, a praza de María Pita acollerá de 10.30 a 14.00 horas actividades deportivas e de sensibilización. Haberá unha zona de deporte adaptado, con tenis, esgrima, boccia e vehículos adaptados. Tamén haberá un espazo de astronomía en colaboración coa Agrupación Ío no que se poderá observar o sol.
Por último, levarase a cabo a actividade de sensibilización ‘Ponte no meu lugar’, na que se relatarán diferentes experiencias para coñecer as dificultades que afrontan as persoas con dano cerebral.
Ás 12.00 horas terá lugar a lectura do manifesto, acto no que participará a alcaldesa, Inés Rey. Posteriormente, haberá actuacións musicais das asociacións culturais Donaire e Son d’aquí. Ademais, pola noite iluminarase a fonte de Catro Camiños de azul para conmemora este día.



