A alcaldesa, Inés Rey, presentou o evento, que se enmarca dentro da programación das Festas de María Pita
A praza de María Pita acollerá o vindeiro 12 de agosto (22.00 horas) o concerto ‘Homenaxe a Sito Sedes. O cantante eterno’, que consistirá nunha actuación especial da orquestra Los Satélites, con diferentes convidados/as, para honrar a memoria do músico, referente da canción galega e de orquestra. O evento, que se enmarca dentro da programación das Festas de María Pita 2025, foi presentado esta mañá pola alcaldesa, Inés Rey.
“A música de orquestra ábrese paso na programación das festas de María Pita, dignificando un xénero musical que é tamén identidade galega e coruñesa”, sinalou a alcaldesa, que estivo acompañada polo concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro. No acto tamén participaron María Salgado, compañeira de Sito Sedes, Javier Saavedra, director da orquestra Los Satélites, Andrés Lobato, antigo vocalista da formación, e Xurxo Souto, que xunto a Lobato foron os impulsores desta homenaxe.
Trátase dun concerto especial da orquestra Los Satélites que contará con diferentes cantantes convidados, que interpretarán un repertorio clásico, acorde aos que acostumaba a interpretar o propio Sedes durante os seus anos á fronte da formación. “Sito Sedes simboliza un vínculo vivo coa tradición, con esa Galicia que celebra, que canta, que se reúne arredor da música”, indicou Rey.
O concerto, de balde na praza de María Pita, é xunto co concerto de Baiuca do 1 de agosto un dos primeiros eventos confirmados para as festas de María Pita, que serán presentadas proximamente e que este 2025 celebran o seu 175 aniversario.