HomeA CoruñaA primeira sesión do obradoiro de lactación materna do Concello de Lousame...

A primeira sesión do obradoiro de lactación materna do Concello de Lousame colga o cartel de completo

- Anuncio -spot_img

A Casa da Cultura de Lousame acolleu esta pasada fin de semana a primeira sesión do obradoiro de lactación materna, organizado polo Concello de Lousame dentro do seu plan de fomento da natalidade “Nacín en Lousame, un orgullo que se debe coidar” e impartido por Alicia Conde, asesora de lactación. Unha primeira sesión que cubriu a vinte prazas dispoñibles, se ben dende o Concello aclaran que a iniciativa está aberta a calquera veciña empadroada en Lousame que queira sumarse a ela.

“Queremos que esas nais que opten pola lactación materna se sintan acompañadas e poidan resolver calquera dúbida que lles xurda, tanto durante o embarazo como acompañándoas durante os primeiros meses de vida da crianza”, explicou o alcalde, Esteban Ares, durante a presentación do obradoiro xunto a Alicia Conde. Un taller de máis de dúas horas de duración no que Conde fixo un achegamento xeral ao mundo da lactación, salientando cuestións como a importancia dos primeiros días, como saber se o pequeno come o suficiente, que problemas adoitan xurdir durante este período e como actuar…

“A lactación pode dar medo, porque non ves o que come o bebé e tes medo de que pase fame. Pero comprar unha báscula e pesalo cada pouco non é unha solución. Hai outros sinais que poden calmar á muller e confirmar que todo vai ben”, explicou Alicia Conde, quen apunta que “hai que revisar todo: boca, lingua, succión, transferencia de leite, historia clínica da nai…”, un punto no que salienta a importancia de contar co asesoramento dun profesional como o que teñen á súa disposición as nais e futuras nais de Lousame.

Estes obradoiros gratuítos complementaranse con acompañamentos personalizados de Alicia Conde a aquelas familias que o precisen para resolver calquera dificultade que poida xurdir. “A lactación ten múltiples beneficios a nivel de saúde da mamá e do bebé, pero non serven de nada se a nai non está ben, non desfruta das tomas e non desfruta do seu bebé. Por iso son tan importantes este tipo de obradoiros, para ter alguén que as acompañe nos inicios porque ás veces será a nai que precise dalgo pero outras será o bebé”, apunta Conde.

Publicacións Relacionadas