HomeA CoruñaA rapazada volverá a ser a gran protagonista do festival de Nadal...

A rapazada volverá a ser a gran protagonista do festival de Nadal de Tahúme no 14 de decembro

- Anuncio -spot_img

 O Concello de Ribeira colabora con esta cita de música, baile e cantos tradicionais

Tahúme celebrará o seu festival de Nadal no domingo, 14 de decembro, ás 19.00 horas, no novo Auditorio municipal, coa colaboración do Concello de Ribeira. Trátase dunha cita de música, baile e cantos tradicionais na que, ademais da Escola Tahúme, participarán como grupos convidados A Carrabouxa de Teo e Nós de Sobradelo, levando a escena a arredor de 90 nenos e nenas, segundo deron a coñecer a presidenta e vicepresidente da entidade, Manoli Ayaso e Alberto Millán, respectivamente.

Durante a presentación, a concelleira de Cultura, Ana Barreiro, manifestou que “estas datas son para celebrar e o tecido asociativo do noso municipio organiza festivais cos que dar a coñecer o seu bo facer, reforzando ese vínculo co seu público. Un exemplo é o que presentamos da man de Tahume, un grupo que goza de gran dinamismo no noso concello e que, nuns días, nos farán desfrutar do seu talento no festival de Nadal que organizan. Para o Concello de Ribeira é vital apoiar ás nosas asociacións culturais porque son clave para crear comunidade arredor da nosa idiosincrasia, para achegar o noso baile e a nosa música a máis xente e para converter a Ribeira en exemplo de dinamismo cultural.”

O festival ten duración dunha hora e a entrada é libre ata completar a cabida da instalación municipal, dende media hora antes do inicio do espectáculo.

Publicacións Relacionadas