• Entre xaneiro e xullo recolléronse 210,54 toneladas, 58 máis que no mesmo período de 2025
• En só sete meses depositáronse no punto limpo 420 colchóns e 413 televisores
A recollida de materia orgánica continúa a avanzar en Carballo. Entre os meses de xaneiro e xullo deste ano depositáronse nos colectores marróns 210,54 toneladas, fronte ás 152,76 rexistradas no mesmo período de 2025, o que supón un incremento do 37,8 %.
En termos absolutos, son 57,78 toneladas máis de residuos orgánicos separados correctamente nos sete primeiros meses do ano. A evolución é positiva en seis dos sete meses analizados, e só maio queda por debaixo do dato do ano anterior.
O incremento é especialmente significativo en marzo, cando a recollida practicamente duplicou a do mesmo mes de 2025, ao pasar de 18,52 a 35,40 toneladas. Tamén destaca o dato de xullo: 34,46 toneladas, fronte ás 22,96 do mesmo mes do ano pasado, o que representa unha subida de arredor do 50%.
O concelleiro de Servizos, Miguel Vales, considera que estes datos “confirman que a separación da materia orgánica está cada vez máis integrada nos hábitos da veciñanza, pero aínda temos unha ampla marxe de mellora ata acadar os obxectivos marcados pola Unión Europea”. Aínda así, “medrar case un 38 % nun ano é unha evolución moi positiva, porque significa que unha maior cantidade de residuos pode recibir o tratamento axeitado en lugar de acabar mesturada coa fracción resto”.
Máis de 142 toneladas de residuos no punto limpo
A actividade do punto limpo municipal tamén deixa cifras significativas. Entre xaneiro e xullo de 2026 depositáronse 142,62 toneladas de residuos contabilizados por peso, entre os que destacan as 77,11 toneladas de entullos e as 50,99 toneladas de madeira. Entre ambas fraccións concentran arredor do 90 % do peso total xestionado nas instalacións durante este período.
Ás cantidades expresadas en peso súmanse 6.186 unidades de residuos que, polas súas características, son contabilizados individualmente: aparellos eléctricos e electrónicos, voluminosos, colchóns, televisores, fluorescentes, pneumáticos, neveiras e outros materiais que precisan unha xestión específica.
Entre os residuos contabilizados por unidades destaca especialmente a entrada de 413 televisores no punto limpo entre xaneiro e xullo. A cifra equivale xa ao 70% dos 588 televisores recollidos durante todo o ano 2025, malia que aínda quedan cinco meses para rematar o exercicio. Tamén resulta rechamante a recollida de 420 colchóns nos sete primeiros meses do ano, cunha media de 60 ao mes. Os 74 de xullo supoñen o dato mensual máis alto no que vai de ano. Como referencia, durante todo o ano 2025 depositáronse no punto limpo 736 colchóns.
Miguel Vales destaca tamén o papel do punto limpo como “un servizo fundamental para garantir que residuos que non poden depositarse nos colectores convencionais teñan unha saída adecuada”. Nese sentido, apelou unha vez máis á colaboración veciñal para que colchóns, electrodomésticos e outros obxector voluminosos entren no circuíto correcto de xestión e non rematen abandonados na vía pública ou no medio natural, un problema aínda demasiado habitual.
O Concello de Carballo anima a continuar avanzando na separación dos residuos nos fogares e nos establecementos, e lembra que o punto limpo de Bértoa está á disposición da cidadanía os xoves e os sábados, de 10.00 a 13.00 e de 16.00 a 19.00, e que tamén pode solicitarse a recollida a pé de contedor chamando ao teléfono 981 754 917 para fixar unha data.

