Home A Coruña A Rede Stelar do Camiño Inglés avanza na elaboración dun “Menú Stelar”...

A Rede Stelar do Camiño Inglés avanza na elaboración dun “Menú Stelar” para o peregrino baseado en produtos locais e de calidade

- Anuncio -

Locais de restauración da Asociación de Concellos do Camiño Inglés participan nun curso no Pazo de Mariñán impartido por Lolo Mosteiro e Paula Martínez, do restaurante A Artesa da Moza Crecha (Betanzos)

As instalacións do Pazo de Mariñán (Bergondo) acolleron a primeira sesión do “Curso de formación en Restauración”, unha iniciativa gratuíta organizada pola Asociación de Concellos do Camiño Inglés e a Deputación da Coruña que está dirixida a todos os establecementos da Rede Stelar que dan servizo de comida aos peregrinos. A formación está sendo impartida por Lolo Mosteiro e Paula Martínez, propietarios dun dos restaurantes da Rede Stelar: “A Artesa da Moza Crecha” (Betanzos).

“Imos falar de calidade turística e de como acadar a excelencia no Camiño”, explica Paula Martínez, quen salienta que despois “dunha segunda parte teórica de cociña no Camiño, en decembro faremos unha práctica de cociña para elaborar un Menú Stelar con produtores locais, onde lles amosaremos como traballamos con eles directamente e como xeramos un pouco de economía circular”. Unha sesión que terá lugar o luns 12 de decembro, de 10:30 a 12:00 horas, nas instalacións de “A Artesa da Moza Crecha”, local que vén de ser distinguido este mesmo mes de novembro co Premio Nacional de Gastronomía “Plato de Oro 2022” ao tempo que Lolo Mosteiro e Paula Martínez recolleron tamén o “Touch Blanche 2022” polo seu bo facer na súa profesión de cociñeiros.

O presidente da Asociación de Concellos do Camiño Inglés, Manuel Mirás, lembra que a creación deste “Menú Stelar” para o peregrino era unha das razóns da creación da Rede Stelar, unha rede de trinta establecementos turísticos que apostan pola excelencia e a calidade na atención ao peregrino no Camiño Inglés. “Non estamos falando dun menú a prezo baixo, senón de ofrecer o mellor a un prezo de mercado”, puntualiza Mirás Franqueira, quen lembra que “a intención deste menú é poñer en valor os nosos recursos gastronómicos e poder amosarlles aos visitantes do Camiño Inglés o enorme potencial existente no noso territorio”.

Formación

Nesta primeira sesión do “Curso de formación en Restauración”, “empezaremos sobre todo falando de atención ao cliente e de dirección e xestión de equipos humanos, pois é importante para que unifiquemos criterios”, apunta Paula Martínez, “e despois trataremos cuestións de marketing, planificación de estratexias, unhas pinceladas de coaching executivo e social media, como elemento de fidelización, promoción e posicionamento”. Unha formación adaptada á particularidade de cada local que forma parte da Red Stelar.

A próxima sesión terá lugar o vindeiro luns 28 de novembro, tamén no Pazo de Mariñán, e versará sobre a Cociña do Camiño. Unha sesión teórica na que Lolo Mosteiro e Paula Martínez falarán da importancia do produto local, da calidade como elemento diferenciador, de como dirixir e xestionar as cociñas e de como deseñar os distintos pratos. Unha formación que rematará o 12 de decembro coa elaboración dun “Menú Stelar” para implantar nos establecementos de hostalería da Rede Stelar utilizando produtos locais e km0, respectando sempre a temporalidade dos alimentos.

Un menú que se adaptará ao tipo de local e ás condicións específicas de cada un deles, xa sexan restaurantes, bares ou cafeterías. Este “Menú Local” poderá convivir co Menú do Día e coa carta de cada establecemento, sendo un aliciente e un reclamo máis para o peregrino a través dunha marca que se identifica coa calidade que transmite o selo da Rede Stelar.

A Rede Estelar é un proxecto promovido pola Asociación de Concellos do Camiño Inglés, en colaboración coa Deputación da Coruña, para conformar unha rede de establecementos turísticos en cada un dos municipios polos que pasa esta ruta Xacobea. Uns locais que deben apostar pola excelencia e a calidade na atención ao peregrino, para o que deben cumprir unha serie de requisitos relacionados coa sustentabilidade, o emprego de produtos agroalimentarios e pesqueiros quilómetro cero, a calidade no servizo… Nesta primeira fase participan 30 establecementos do sector da restauración e o aloxamento, se ben dende a Asociación traballan co obxectivo de abrir a Rede Stelar a outro tipo de empresas: ocio e tempo libre, turismo náutico, artesanía, produtores locais…

A Asociación de Concellos do Camiño Inglés está constituída por dezaseis municipios polos que transcorre esta ruta xacobea: A Coruña, Abegondo, Betanzos, Cabanas, Carral, Fene, Ferrol, Mesía, Miño, Narón, Neda, Ordes, Oroso, Paderne, Pontedeume e Santiago de Compostela.

Relacionadas

O camiño da diabetes amósase en formato de exposición fotográfica na Pobra

0
A Orixe: a diabetes, un camiño de vida. Este é o nome da exposición fotográfica que chega á casa da cultura Raquel Fernández Soler...

Inés Rey reivindica o valor para a cidade da Escola Municipal de Música na...

0
“A esencia desta institución non é só formar músicos, senón tamén persoas”, dixo a alcaldesa A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, interveu esta tarde na...

Yoya Neira destaca os valores da Asociación de Amas de Casa no Día da...

0
A concelleira de Benestar Social, Yoya Neira, asistiu hoxe en Palexco en representación da alcaldesa, Inés Rey, A tradicional comida do Día da Amizade...

Instalada a pasarela entre Agramar e Areeiros, preto do Sol y Mar

0
A pasarela que facilita a comunicación ciclopeonil entre as prazas de Agramar e Areeiros, na contorna do Sol y Mar e relacionada coas obras...

O ‘Obradoiro de emprego A Laracha VIII’ rehabilita o Centro Sociocultural de Erboedo

0
Paralelamente a especialidade de traballos de carpintería e moble actúa na mellora do paseo fluvial do Anllóns. O Concello ten en marcha desde hai case...

Compostela demanda a elaboración dun Plan estratéxico para coordinar os aeroportos galegos

0
A alcaldesa defendeu a necesidade dunha política aeroportuaria coordinada e planificada baseada nun plan estratéxico e "liderada por Santiago como punto de referencia e...

Publicacións Relacionadas