Primeira sesión da Escola de Regueifa, obradoiros de Enreguéifate e concurso Espalla Rimas enchen estes primeiros días do ano
A regueifa está cada vez máis viva en Carballo, e neste ano redondo, no que dedicamos o Día das Letras Galegas ás cantareiras e a poesía popular, temos a seguridade de que vai seguir medrando aínda máis. O 2025, de feito, comezou con moita forza regueifeira: a primeira sesión da Escola de Regueifa, que se celebrou o venres nas Escolas do Xardín Agra de Caldas; o concurso Espalla Rimas, que encheu o sábado o Pazo da Cultura, e os obradoiros do proxecto Enreguéifate, que arrincaron hoxe no IES Alfredo Brañas e continuarán ata o día 20 en varios centros educativos, converten o noso concello nun potente altofalante da tradicional arte da disputa dialéctica improvisada e en verso.
Por unha banda, o Concello de Carballo continúa a apostar por estender o poder magnético da regueifa entre a rapazada a través dos obradoiros de improvisación oral do Enreguéifate. Durante o mes de novembro participaron nesta iniciativa os CEIP de Nétoma-Razo, A Cristina e Bergantiños e os IES Isidro Parga Pondal e Monte Neme, e hoxe arrincou a segunda rolda no IES Alfredo Brañas, ao que se sumarán os colexios Canosa-Rus (mañá martes), Gándara-Sofán (mércores), San Luis Romero (xoves) e Fogar (luns 20). Da man de Lupe Blanco e Josinho da Teixeira, os obradoiros procuran poñer en valor a regueifa, incentivar a súa práctica e difundila entre a infancia e a mocidade.
Por certo que o prazo de participación no Enreguéifate estará aberto do 20 de xaneiro ao 20 de marzo de 2025 e a inscrición poderá facerse dende a páxina web do certame (www.enregueifate.gal), onde xa están dispoñibles as bases.
O Concello de Carballo impulsa tamén a Escola de Regueifa, que celebrou o venres a primeira sesión deste ano. As Escolas do Xardín Agra de Caldas, convertidas en sede do grupo coordinado pola Concellaría de Normalización Lingüística, encheuse de rimas e música para seguir espallando a arte regueifeira desde a infancia ata a terceira idade.. As persoas que queiran sumarse non teñen máis que achegarse a unha das sesións, que imparte Lupe Blanco, e probar. Celébranse os venres, cada 15 días, a partir das 19.00 horas.
E, por último, Carballo foi a sede, por cuarto ano, do certame Espalla Rimas, organizado por La Voz de Galicia coa colaboración do Concello, e no que resultou gañador nesta ocasión o gran Suso de Xornes, que se impuxo á tres veces campioa Lupe Blanco nunha rifada final. O concurso incluíu un recoñecemento á nosa técnica de Normalización Lingüística, Carme Pereiro, polo seu decidido apoio á regueifa e a súa implicación en todos os proxectos que tratan de difundir e poñer en valor esta arte tan nosa.