HomeA CoruñaA CoruñaA remodelación dos Cantóns chega ao seu ecuador, con máis de 12.000...

A remodelación dos Cantóns chega ao seu ecuador, con máis de 12.000 metros cadrados pavimentados e unha nova fase de actuacións a partir do día 3

- Anuncio -spot_img

A alcaldesa, Inés Rey, supervisou hoxe os traballos, que avanzan a bo ritmo e nas vindeiras semanas continuarán entre o Cantón Pequeno e o Cantón Grande

Proximamente, serán visibles as primeiras intervencións do chanzo que cubrirá a antiga saída do parking e tamén as tarefas asociadas á instalación do novo ascensor conectado ao aparcadoiro

A alcaldesa, Inés Rey supervisou hoxe as obras de remodelación dos Cantóns, unha das intervencións máis relevantes de humanización do espazo público no presente mandato. Os traballos, que avanzan a bo ritmo, con máis de 12.000 metros cadrados pavimentados, chegan xa ao seu ecuador en termos de prazos e superficie total executada.

Ata agora, as actuacións centráronse no treito que vai da Mariña ao Cantón Grande e que pasa por rúas como Alcalde Manuel Casás, Ambrosio Feijóo e a beirarrúa do Teatro Colón, que vai pola praza da Aduana. Neste sector, durante os pasados meses traballouse na execución das novas redes de saneamento e servizos municipais (iluminación pública, semáforos), comezouse coa execución do mobiliario urbano instalando as bases pétreas dos bancos —que terán asentos de madeira— e, ademais, tamén se executou o bordo separador entre o carril bici e a beirarrúa desde Entrexardíns ao Teatro Colón e completouse a superficie peonil coas novas baldosas, explicou a alcaldesa.

Agora, o foco estará posto entre o Cantón Pequeno e o Cantón Grande, que concentrarán a meirande parte de actuacións da próxima fase, a cal arrincará o vindeiro martes 3 de marzo.

Na visita desta mañá, e acompañada polo concelleiro de Economía e Planificación Estratéxica, José Manuel Lage, e pola concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, Noemí Díaz, Inés Rey informou de que o Concello “avanzará na pavimentación e enlousado da superficie que anteriormente se peonalizou de forma provisional, para que pase a estalo de xeito definitivo e cunha sintonía estética con respecto á contorna”.

Será nesta fase de obras cando serán visibles varias das grandes novidades dos novos Cantóns: o chanzo que envolverá a antiga saída do parking e tamén o novo ascensor que conectará o aparcadoiro subterráneo coa superficie, elevador que ata agora non existía e, de feito, permitirá mellorar a accesibilidade universal entre o espazo peonil e o soto destinado ao estacionamento de vehículos.

Desde o día 3, reorganización de servizos entre o Cantón Pequeno e o Cantón Grande

A fase de traballo que arrincará o vindeiro día 3 implicará unha redistribución dos servizos entre o Cantón Pequeno e o Cantón Grande, co obxectivo de facilitar o desenvolvemento das obras neste sector.

O tráfico rodado pasará a circular polo Cantón Pequeno, cun carril por sentido. Ademais, a circulación dos ciclistas será compartida cos vehículos dende a praza de Mina —en ambos os sentidos—, ata completar a execución do carril bici definitivo.

No caso dos taxis, iniciarase o traslado da súa parada á súa localización definitiva, fronte á Fundación Barrié. Por outra banda, os espazos de carga e descarga pasarán a operar en Durán Loriga (neste caso, de forma definitiva) e na rúa Nova.

No referente ao servizo municipal BiciCoruña, iniciarase o traslado provisional das bases do Obelisco (a Santa Catalina) e do Cantón Pequeno (á avenida do Porto, tras a Rosaleda).
Como xa se está a facer con cada unha das principais fases de obra, o Concello volverá a reforzar os avisos informativos con respecto a esta nova quenda de actuacións.
A información dos traballos correspondentes á vindeira fase, a que comeza o martes 3, estará visible desde hoxe nas canles oficiais do Concello e con soportes físicos que se habilitarán no Cantón Grande, Entrexardíns e no sector dos Cantóns máis próximo á Mariña. Ademais, días atrás xa se deu preaviso interno desde a asistencia técnica da obra para minimizar posibles incidencias en materia de mobilidade, transporte ou loxística.

Publicacións Relacionadas