• Hoxe tivo lugar a presentación desta iniciativa, que é un paso decisivo na transformación e modernización do destino Mariñas Coruñesas.
• Durante as próximas semanas, máis de setenta empresas certificadas e persoal técnico municipal formaranse para aplicar estas ferramentas de dixitalización nos seus recursos turísticos.
A Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas celebrou esta mañá, na súa sede, o acto inaugural do Programa Integral de Dixitalización e Formación en Intelixencia Artificial, unha iniciativa pioneira en Galicia dirixida ao sector turístico do territorio. A inauguración do acto correu a cargo do presidente da Reserva de Biosfera, #José Antonio Santiso Miramontes, quen destacou a relevancia deste proxecto como un paso decisivo na transformación e modernización do destino Mariñas Coruñesas.
“É unha verdadeira satisfacción compartir con todas e todos este acto inaugural que marca o inicio dun proxecto moi especial para o noso territorio”, sinalou Santiso, quen lembrou que este programa forma parte do Plan de Sustentabilidade Turística e está financiado con fondos europeos Next Generation.
O presidente subliñou que esta iniciativa representa un novo impulso á aposta da Reserva por un modelo de desenvolvemento que combina innovación, sustentabilidade e identidade local. “Fomos o primeiro destino de ecoturismo certificado de Galicia, recoñecido polo Club de Ecoturismo de España, e hoxe reforzamos ese liderado incorporando a dixitalización como ferramenta esencial para o futuro do noso destino”, afirmou.
O programa, deseñado para responder as necesidades reais das empresas turísticas e dos concellos que integran a Reserva, busca ofrecer unha formación práctica, personalizada e orientada a resultados. “Non se trata só de aprender a usar ferramentas tecnolóxicas, senón de aproveitar a dixitalización para crear valor, mellorar a competitividade e fortalecer o noso tecido local”, explicou Santiso.
Durante as próximas semanas, máis de setenta empresas certificadas e persoal técnico municipal participarán en diversas accións formativas que combinarán talleres prácticos, diagnósticos individualizados e plans de mellora adaptados á realidade de cada negocio. Trátase dun programa innovador que aposta pola aprendizaxe experiencial, a gamificación, o uso da intelixencia artificial aplicada e o acompañamento individualizado, co obxectivo de impulsar unha transformación dixital real e sostible.
Santiso destacou tamén a importancia da colaboración público-privada que caracteriza ao modelo de gobernanza de Mariñas Coruñesas. “A dixitalización será a ponte que nos permita conectar mellor coas persoas visitantes, comunicar con autenticidade o que somos e impulsar un turismo máis sostible e competitivo”, sinalou.
O presidente quixo agradecer o compromiso de todos os actores implicados: os 17 concellos que integran a Reserva, o empresariado turístico e o equipo técnico que coordina o proxecto. “Cando traballamos en rede, o territorio crece”, engadiu.
Para Santiso, este novo programa abre oportunidades para mellorar a comercialización e a visibilidade das empresas, crear experiencias máis inmersivas e sostibles, e seguir construíndo un destino conectado, humano e con alma propia. “A dixitalización e a intelixencia artificial non son un fin en si mesmas, senón un medio para continuar facendo o que mellor sabemos: coidar o territorio, ás persoas e o futuro”, concluíu.