HomeA CoruñaA Rolda Peonil avanza polo barrio da Sagrada Familia, que gaña máis...

A Rolda Peonil avanza polo barrio da Sagrada Familia, que gaña máis de 2.200 metros cadrados de superficie humanizada

- Anuncio -spot_img

A alcaldesa, Inés Rey, visitou esta mañá o primeiro treito peonalizado na rúa Sagrada Familia, un percorrido renovado e máis accesible que terá continuidade ao longo de Antonio Carballo, en dirección á Agra do Orzán

“Con esta medida tamén buscamos contribuír á dinamización comercial da Sagrada Familia”, expuxo a rexedora

O barrio da Sagrada Familia xa forma parte dun dos grandes proxectos da cidade en materia de mobilidade sostible, a Rolda Peonil, que avanza agora ao longo da rúa Sagrada Familia e, proximamente, a través de Antonio Carballo, en dirección á Agra do Orzán.

A alcaldesa, Inés Rey, visitou esta mañá o treito que se humanizou recentemente na Sagrada Familia, entre as rúas Nosa Señora da Luz e San Xaime, onde se peonalizou unha superficie de 2.200 metros cadrados, renovada baixo a premisa de gañar espazos públicos de máis calidade, máis accesibles e osixenados entre os bloques de vivendas. Rey estivo acompañada polas concelleiras Noemí Díaz e Montse Paz.
“Con esta medida tamén buscamos contribuír á dinamización comercial da Sagrada Familia, promovendo o tránsito peonil e dándolles máis visibilidade aos pequenos negocios da zona, como xa se fixo en puntos como Alcalde Marchesi ou Primavera”, explicou a rexedora, que fixo fincapé na importancia de vertebrar os barrios a través de novas arterias como a Rolda Peonil, concibidas para as persoas.

A Rolda Peonil, que se proxectou para conectar os parques de San Diego e do Observatorio, pasa pola peatonal da Gaiteira e barrios como Catro Camiños e Os Mallos a través de rúas como Puga y Parga e Ramón Cabanillas, entre outras. Agora, con continuidade pola Sagrada Familia para unila coa Agra do Orzán.

A humanización da rúa, en datos: máis árbores, áreas verdes e mobiliario urbano

Nos 2.200 metros cadrados xa humanizados na rúa Sagrada Familia, o Concello dispuxo case 30 novas árbores e 438 plantas repartidas entre diversas áreas verdes.

Ademais, tamén se aproveitou a intervención para renovar as luminarias da rúa e, de paso, instalar novo mobiliario urbano (24 bancos e 10 papeleiras), en base ás demandas veciñais.

A actuación, que supuxo un investimento de 573.000 euros, terá continuidade cunha formulación semellante na segunda fase de humanización da rúa Sagrada Familia, que aparellará a da rúa Antonio Carballo. Isto suporá un investimento engadido de case un millón de euros, coas obras xa adxudicadas á empresa Construcciones Cernadas.

As próximas melloras no barrio: no pavillón polideportivo

O plan de actuacións previsto polo Concello no barrio da Sagrada Familia avanzará proximamente coas melloras proxectadas para o pavillón polideportivo. A finais do ano pasado, a Xunta de Goberno Local deulle luz verde á saída a concurso dos traballos para reformar a cuberta da instalación. A intervención sufragarase cunha partida de 182.000 euros.

Ademais, a ampliación da biblioteca municipal do barrio entra xa na súa recta final, só a expensas de tarefas no sistema de climatización e trámites asociados á subministración eléctrica. As melloras na instalación permitirán incrementar a superficie de uso da biblioteca, co obxectivo de contar cunha nova sala polivalente no seu interior.

Publicacións Relacionadas