HomeA CoruñaA Romaría de Santa Margarida terá de novo catro xornadas de actividade...

A Romaría de Santa Margarida terá de novo catro xornadas de actividade con actuacións como as de Gala i Ovidio, Rura ou Os do Fondo da Barra

- Anuncio -spot_img

A Banda Municipal, unha actuación especial no Planetario ou a Gran Noite do Folclore completan a programación

O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, presentou este xoves a programación completa da Romaría de Santa Margarida, que se celebrará no parque do 28 ao 31 de agosto, mantendo deste xeito o formato de catro días que puxo en marcha o pasado 2024 o Goberno de Inés Rey. O edil estivo acompañado de representantes das diferentes asociacións de cultura galega da cidade, así como artistas que participarán na Romaría.
“Desde o Goberno de Inés Rey estamos a levar a cabo un importante traballo de posta en valor e exaltación dos grandes eventos tradicionais da cidade, como esta Romaría de Santa Margarida, na que celebramos a nosa cultura da man das asociacións e agrupacións da cidade”, sinalou Castro. Un ano máis, a Romaría e a cidade promocionarase no Festival Intercéltico de Lorient, o evento máis importante do mundo de música e folclore celta.

A Romaría de Santa Margarida volverá a contar con catro días de celebración, arrincando o xoves 28 de agosto coa actuación de Gala i Ovidio (21.00 horas), novo proxecto de Aida Tarrío e Raúl Refree que se estreará por primeira vez en directo no auditorio do parque de Santa Margarida. Estarán acompañados por Belem Tajes, que actuará ás 20.00 horas. As entradas continúan á venda no despacho de billetes da praza de Ourense e en Ataquilla.

O venres volverá a haber tamén un concerto especial no Planetario da Casa das Ciencias. Germán Díaz e Benxamín Otero farán unha dobre sesión ás 18.00 e 19.00 horas. As entradas están á venda na páxina web dos Museos Científicos. Tamén o venres celebrarase a Gran Noite do Folclore, coas actuacións de Cántigas da Terra, Aturuxo, Xacarandaina, Donaire e Son d’aquí.

En canto aos concertos programados para a fin de semana no anfiteatro, o sábado actuarán As Lagharteiras, Os do Fondo da Barra e Comando Curuxás coas Cantareiras de Cántigas e Frores. O domingo será a quenda de Os Melidaos, Rura e El Nido e convidados. Tamén actuará o domingo 31 a Banda Municipal de Música da Coruña xunto con Donaire, ás 12.00 horas, na escalinata da Casa das Ciencias.

A programación complétase con outras actuacións no parque e o Espazo Participativo, que volverá a acoller obradoiros e mostras da man das entidades de cultura galega da cidade.

Publicacións Relacionadas