HomeA CoruñaA ruta de tapas “O Estaleiro nas Tabernas” continúa esta fin de...

A ruta de tapas “O Estaleiro nas Tabernas” continúa esta fin de semana en Fene con novas propostas gastronómicas e cantos de taberna

- Anuncio -spot_img

A primeira fin de semana pechou con gran éxito de participación e boa acollida por parte da veciñanza

A Agrupación Liga de Amigos de Barallobre e Son de Cantos amenizarán o percorrido polos locais feneses

Tras o éxito da primeira fin de semana, na que moita veciñanza se achegou aos locais participantes para degustar tapas elaboradas con produtos do mar, a ruta gastronómica “O Estaleiro nas Tabernas” continúa esta fin de semana cunha nova edición que combina tradición, sabor e música popular.

As citas serán este venres 17 e o sábado 18 de outubro, entre as 20.00 e as 22.00 horas, e nesta ocasión participarán os establecementos O Enxebre, Arrecendo, A Ponte, Son da Cociña, CMI Unidade Fene e Lembranza, que ofrecerán creacións inspiradas na cociña mariñeira tradicional, ao prezo de 2,50 € a tapa.

A proposta gastronómica complétase con dúas actuacións de cantos de taberna, que percorrerán os locais participantes. O venres 17, os cantos correrán a cargo da Agrupación Liga de Amigos de Barallobre, mentres que o sábado 18 será a quenda de Son de Cantos, poñendo o broche musical a esta fin de semana de tapas e memoria.

A actividade, integrada no proxecto “Fene 1941. A historia viva desde o estaleiro”, busca conectar o patrimonio histórico e social do concello coa hostalería local, promovendo o consumo de produtos do mar e recreando o ambiente das tabernas das décadas de 1940 a 1960.

A programación do proxecto continuará o sábado 25 de outubro, coa celebración do Encontro Interxeracional na ACRD O Pote de Maniños, que porá o peche a esta iniciativa de recuperación da memoria mariñeira de Fene ligada ao estaleiro ASTANO.

O proxecto Fene 1941 desenvólvese nos anos 2024 e 2025 e está financiado con fondos do Programa do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA) a través do GALP Golfo Ártabro Norte, nun 70% pola Unión Europea e un 30% pola Consellería do Mar da Xunta de Galiza.

Publicacións Relacionadas