As primeiras empresas en instalarse no polígono de promoción pública empezaron cos trámites no 2011
No ano 2011 iniciáronse os trámites para a construción das primeiras naves no parque empresarial de Bértoa promovido por Xestur. Catorce anos despois, dos 718.000 metros cadrados de superficie que ten o polígono só quedan libres 22.590, que se corresponden coas dúas últimas parcelas dispoñibles. De feito, ao longo deste tempo tramitáronse licenzas para 151 naves, as nove últimas no 2024.
Os anos 2017 e 2018 foron os de maior actividade, con 24 e 21 licenzas tramitadas, respectivamente. No ano 2021 empezaron a descender as solicitudes de licenza debido á falta de solo. De feito, a principios dese ano había vinte parcelas dispoñibles no polígono industrial, pero sete meses despois só quedaban nove. A día de hoxe quedan dúas parcelas, que Xestur ten á venda cun prezo bonificado de 32,99 euros/metro cadrado: unha de 9.384 metros cadrados e outra de 13.414, que inicialmente tiñan uso terciario pero que, grazas á modificación realizada no ano 2022, agora tamén poden ter uso industrial. As condicións de venda poden consultarse na web de Xestur.
Ademais da elevada demanda de solo, no polígono industrial de Bértoa destaca a constante actividade de construción de naves. O ano pasado presentáronse solicitudes de licenza para nove máis, o que elevará a 239 a cifra total desde o ano 2003.
O polígono carballés consta na actualidade de dúas fases: unha primeira de 285.000 metros cadrados, construída no 1988 por iniciativa privada, e outra de 718.000 metros cadrados, promovida por Xestur, que empezou a construírse no ano 2008 e foi inaugurada no 2010. Coa terceira fase, comprometida pola Xunta de Galicia desde hai varios anos, ampliaríase en 554.000 metros máis.