A xornada terá lugar o sábado 18 de outubro, de 10:00 a 14:00 horas, no centro de interpretación do Pico Sacro (Cachosenande)
O Concello de Brión organiza a sétima edición do ciclo “Un mes e Pico”, unha iniciativa que busca poñer en valor o monte ilicino. Despois de seis edicións centradas en temáticas como a relación do Pico Sacro coa cultura Xacobea e a relixión, coa na literatura, coa arqueoloxía, coa espeleoloxía, coa xeoloxía e coa astronomía, “este ano ofreceremos unha visión interdisciplinar do noso Monte Ilicino a través dunha xornada de conferencias en Cachosenande coa participación de prestixiosos investigadores e investigadoras que, ademais dunhas interesantes ponencias, tomarán parte dun interesante debate final“.
Unha xornada que terá lugar xusto no momento no que o Concello de Boqueixón traballa pola declaración do Pico Sacro como Ben de Interese Cultural (BIC). De feito, nos últimos días tivo lugar unha reunión para a elaboración participativa da proposta de plan de salvagarda do Monte Ilicino, que formará parte dese proceso de incoación do Conxunto Simbólico do Pico Sacro como BIC, paso previo á declaración do BIC. Un proceso no que participan distintas asociacións e persoas de Boqueixón, que participaron no proceso de elaboración deste informe técnico que vai elaborar Cristina Sánchez-Carretero, investigadora do INCIPIT que tomará parte do ciclo de conferencias “Un mes e Pico”
O ciclo terá lugar o vindeiro sábado 18 de outubro, de 10:00 a 14:00 horas, nas instalacións do centro de interpretación do Pico Sacro, en Cachosenande (Lestedo, Boqueixón). A participación é totalmente de balde, se ben o número de prazas é limitado, polo que será precisa inscrición previa en boqueixonturismo@gmail.com ou chamando ao 981 513 061 (Departamento de Formación, Emprego e Turismo).
Programa
A sétima edición do ciclo “Un mes e Pico será inaugurado ás 10:00 horas polo alcalde, Ovidio Rodeiro Tato, quen dará paso a cinco ponencias e unha mesa final de debate. As ponencias, de media hora cada unha, comezarán con “O ceo e o Pico Sacro”, de Antonio César González García, doutor en Astrofísica, expresidente da Sociedade Europea de Astronomía e membro da delegación en Galicia do Centro Superior de Investigacións Científicas (CSIC). Nesta ponencia falarase do Monte Ilicino como referente da paisaxe galega, que serviu como marcador no horizonte para remarcar momentos claves dos percorridos do sol e da lúa vistos desde diferentes contornos nos que se atopan interesantes restos das xentes que habitaron estas paisaxes no pasado.
Ás 11:00 tomará o relevo César Parcero Oubiña, investigador científico no Instituto de Ciencias do Patrimonio (INCIPIT) e arqueólogo especializado na análise do espazo e a paisaxe ao longo da historia, con “O Pico Sacro como referente visual na paisaxe”. Nesta charla, o público verá simulacións feitas por ordenador que achegan datos interesantes como se compara o Pico Sacro con outros fitos visuais.
Antes da pausa para o café, David Fernández Abella, arqueólogo e licenciado en Historia pola Universidade de Santiago de Compostela, presentará a súa ponencia “A última vida do Pico Sacro”. Unha ponencia na que se falará dos últimos achádegos arqueolóxicos localizados no Pico Sacro no verán de 2025 e a súa interpretación histórica.
Ás 12:30 horas, Cristina Sánchez-Carretero, antropóloga, ex presidenta da Asociación de Antropoloxía do Estado Español, vicedirectora e investigadora do Instituto de Ciencias do Patrimonio do CSIC, falará sobre “Como podemos coidar do Pico Sacro? Metodoloxías de salvagarda baseadas no acordo social”. Unha charla na que presentará os procesos de salvagarda do Pico Sacro como conxunto simbólico senlleiro de Galicia.
Finalmente, Felipe Criado-Boado, arqueólogo, profesor de investigación do CSIC e director do Instituto de Ciencias do Patrimonio, pechará o ciclo con “A resignificación das montañas sagradas”. Na súa intervención analizará como en moitos países mantense memoria viva das montañas sacras, mentres que en Europa perdéronse case sempre. O ciclo rematará cunha quenda de preguntas e de debate.