O prazo de inscricións xa está aberto
Ribeira correrá coa sexta edición da Carreira 5K El Canario, homenaxe a José Nespereira, que promove esta escola de boxeo coa colaboración do Concello. Esta cita deportiva terá lugar no domingo, 28 de xuño, a partir das 10.00 horas, coa praza do Concello como punto de partida e meta. Reunirá as modalidades absoluta, zapatilla inclusiva, carreiras por parellas e categorías menores, que deberán completar a distancia que lles corresponde, sendo a absoluta de 5 quilómetros. O percorrido é urbano, polo que discorrerá a carón do mar ata a zona das Carolinas para subir pola rúa Lepanto, Miguel Rodríguez Bautista, Abesadas e baixar pola rúa Rosalía de Castro.
O concelleiro de Deportes, Álex Vidal, reafirmou o compromiso da Administración local con esta proba que fomenta o deporte e que reunirá a corredores veteranos e principiantes. Neste senso, puxo en valor que este tipo de eventos rendan tamén homenaxe a deportistas das distintas disciplinas como sucede con José Nespereira no atletismo.
En representación da Escola de Boxeo El Canario, Clara Millares, avanzou que haberá trofeos e tamén premios en metálico para os tres primeiros postos da absoluta, ademais de sorteos entre os participantes de produtos doados por empresas colaboradoras.
As inscricións poden formalizarse ata o 25 de xuño a través da páxina web www.carreirasgalegas.com. O importe de aboar será de 6 euros, agás para as categorías menores que será de balde.

