A portavoz do Partido Popular de Culleredo, Izaskun García, responsabiliza directamente ao alcalde, José Ramón Rioboo, de que o centro de economía circular do CETIM non se instale finalmente nos terreos da Cros. “A soberbia de Rioboo e a súa incapacidade para chegar a acordos é o que fixo fracasar este proxecto”, asegura. García insiste en que o seu grupo municipal sempre foi claro e coherente ao rexeitar unha cesión a custo cero, sen contrapartidas económicas nin beneficios reais para Culleredo e os seus veciños: “No PP impedimos unha privatización gratuíta da Cros. Defendemos o interese xeral de Culleredo. Se o CETIM vaise a Arteixo, só ten un responsable: Rioboo”.
A portavoz popular subliña que o alcalde mente de novo ao dicir que houbo negociación e diálogo co PP cando “non fixo absolutamente nada para tentar chegar a un acordo connosco”. De feito, criticou que, tras o pleno extraordinario de febreiro de 2024, no que se rexeitou o cambio de usos do chan da Cros, Rioboo dirixísese a ela para dicirlle: “Xa lle farán cambiar de voto desde Santiago”, un xesto que cualificou como un exemplo máis da súa “prepotencia”.
Para Izaskun García, Rioboo nunca apoiou ningunha das esixencias económicas expostas desde o primeiro momento polo PP –sobre todo as relativas ao pago dun canon anual destinado ás asociacións de veciños e que a nave independente fose de uso público e rehabilitada desde o primeiro momento– para que non quedase en evidencia a súa nefasta negociación do proxecto para a Cros, que fixo á marxe do resto de grupos municipais a pesar de non ter maioría. “Por iso agora fai o fácil: se victimiza e trata de vender que todo foi un complot do PP local, provincial, da Xunta… Iso si é electoralismo e manipulación”, indica.
Arteixo non cede o seu mellor chan urbano
A portavoz do PP acusa o alcalde de actuar de forma “corrupta” ao renunciar a gobernar, “cedendo gratis o que é de todos”, e subliña que, a diferenza de Arteixo, que ofrece chan industrial no polígono de Morás, Rioboo quería ceder gratis a mellor parcela urbana de Culleredo. “A Cros é un emblema de Culleredo, unha dos nosos acenos de identidade. Arteixo nunca cedería unha parcela no Balneario”, afirma. Por iso, considera que Rioboo representa unha estafa ao seu electorado e a Culleredo: “Os veciños xa non cren nel. O seu tempo acabou”.
García defende, así mesmo, o compromiso do PP co futuro da Cros: “Estamos a traballar xa para poder presentar un proxecto en clave de benestar social e de lecer, para o goce de todos os veciños, mediante a colaboración público-privada e a implicación económica de todas as administracións públicas. Os veciños deben saber que, con traballo e seriedade, poderase ofrecer un espazo de gran valor que de verdade mellore a súa calidade de vida”.