Unha soa voz e unha grande orquestra que conversan xuntas: música tradicional galega con arranxos para corda e saxo no escenario do Colón
O Teatro Colón acollerá o vindeiro domingo 23 de novembro o concerto “Manhe”, o novo espectáculo da recoñecida cantareira arteixá Fransy González. As entradas para a actuación, que dará comezo ás 19.00 horas, xa están á venda a través da plataforma Ataquilla.
“Continuamos apostando por espectáculos dunha alta calidade artística para a programación do Teatro Colón, que é todo un referente cultural a nivel estatal”, sinalou o concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro. “A presenza de artistas como Fransy González, acompañada dunha formación tan prestixiosa como a Orquestra de Cámara Galega, reitera o compromiso deste executivo coa promoción do talento galego e co apoio á nosa identidade musical”, engadiu Castro, recordando que foi precisamente o Goberno de Inés Rey o que ampliou citas como a Romaría de Santa Margarida e tamén o que aprobou a primeira ordenanza do galego na cidade.
“Manhe” é unha homenaxe á raíz. Un espectáculo no que a voz inconfundible de Fransy González e a súa pandeireta dialogan cunha grande formación de corda composta por máis de vinte músicos, baixo a dirección musical e os arranxos do saxofonista Pedro Lamas. A proposta mestura emoción, elegancia e forza para ofrecer unha viaxe sonora polas músicas de tradición oral recollidas ao longo da vida da artista.
Este concerto representa un paso adiante na carreira de Fransy González, que se afianza como unha das grandes voces da música galega contemporánea. “Manhe” conxuga pasado e presente, memoria e creación, nunha posta en escena coidada e profundamente evocadora.
O Concello da Coruña anima á cidadanía a desfrutar desta proposta singular, que forma parte da programación cultural de outono do Teatro Colón.



