A súa actuación enmárcase no VIII ciclo de concertos Elas Son Artistas e será o 28 de novembro
A cantautora norteamericana Dayna Kurtz ofrecerá un concerto no Teatro Colón o 28 de novembro, dentro da programación do VIII ciclo de concertos Elas Son Artistas. “Desde o Goberno de Inés Rey estamos moi satisfeitos con esta iniciativa que pon o foco nas mulleres artistas e, sobre todo, nas mulleres músicas, achegando á cidadanía concertos e propostas de moi alta calidade”, indicou Gonzalo Castro, concelleiro de Cultura e Turismo.
A cantautora estadounidense Dayna Kurtz, considerada unha das voces máis intensas e emocionantes da súa xeración, chega cun repertorio que combina o mellor do folk, do jazz e do blues, sempre cunha personalidade artística única.
Nacida en Matawan, Nova Jersey, Kurtz comezou a tocar e compoñer dende moi nova, actuando en cafés e bares costeiros xa na adolescencia. Ao longo da súa carreira foi recoñecida pola súa capacidade para cruzar fronteiras musicais, mesturando xéneros sen prexuízos e construíndo un son propio que lle valeu o respecto da crítica e de artistas da talla de Norah Jones ou Bonnie Raitt.
No ano 1997 foi distinguida como Compositora Feminina do Ano pola National Academy of Songwriters, e desde entón non deixou de sumar recoñecementos. Ten compartido escenario con nomes lendarios como Elvis Costello, Richard Thompson, Mavis Staples, B.B. King, Rufus Wainwright ou The Blind Boys of Alabama.
A súa discografía inclúe traballos tan celebrados como Postcards From Downtown (2002), Beautiful Yesterday (2004), Another Black Feather (2006) ou Rise and Fall (2015). Cunha especial sensibilidade polo repertorio esquecido, Dayna Kurtz recuperou xoias ocultas do jazz, do blues e do R&B dos anos 40 a 60 nos seus discos Secret Canon Vol.1 (2012) e Secret Canon Vol.2 (2013).
En paralelo, deu vida ao proxecto Lulu and the Broadsides, unha banda con clara orientación cara ao blues de baile e ás raíces americanas.
Actualmente reparte o seu tempo entre Nova Orleans e Vermont, lugares que tamén marcan a súa inspiración e a súa estética musical. Cunha voz grave, intensa e ao mesmo tempo delicada, Dayna Kurtz continúa a conquistar públicos de todo o mundo con concertos que son auténticas viaxes emocionais.
As entradas para a súa actuación xa se poden adquirir a través de Ataquilla e no despacho de billetes da praza de Ourense. O día da actuación, se houbese localidades dispoñibles, estas estarán tamén ao dispor do público na billeteira do Teatro Colón.
De setembro a novembro, actividade intensa
Tras as primeiras actuacións do ciclo, o mércores 24 de setembro o ciclo visitará o Jazz Filloa cunha actuación musical que aínda non está confirmada. Ao comezar outubro, o venres 3, será a quenda do Garufa Club coa presentación do novo disco das asturianas Pauline en la Playa, coñecidas pola afección ao pop en España tras máis de 25 anos de carreira, dende que comezarán a súa andaina musical con Undershakers. As entradas xa están á venda.
En outubro o ciclo visitará o Instituto de Carral, onde se ofrece un Obradorio de ilustración e creacion de personaxes impartido pola coruñesa Irene Sanjuán e tamén unha actuación musical para os 400 alumnas e alumnos do centro a cargo de Adhara & Rtiman.
Tamén en outubro o ciclo chegará ás instalacións de Coca-Cola en Alfonso Molina para un coloquio entre tres mulleres con diversos papeis na industria musical galega: Ángela Vila, Candela Liste e María Nieto. Son, por esta orde: xestora cultural e representante de artistas, artista autoxestionada e responsable de comunicación de múltiples proxectos. A entrada será libre e o día está pendente de confirmación.
O mes de outubro finalizará cun dos pratos fortes do ciclo. Será o domingo 26 de outubro no Teatro Colón da Coruña. Unha actuación que aínda non se pode anunciar. As últimas actividades do ciclo chegarán en novembro, xa para pechar esta oitava edición, na que non se descarta algunha sorpresa máis.
O mes de novembro contará con tres propostas moi variadas. O venres 7 será o momento para o humor e a reflexión escénica de Raquel Crespo no seu concello, Culleredo. O Auditorio do Edificio de Usos Múltiples de O Burgo acollera o espectáculo Punto en boca da actriz galega, involucrada en múltiples proxectos. Con este logrou o Premio Luisa Villalta da Deputación da Coruña en 2024. A costura e as súas posibilidades creativas son o punto de partida desta obra que veremos con entrada gratuíta.
O sábado 8 de novembro será a quenda de Leticia Rey coa presentación do seu primeiro traballo integramente en galego: Danza Luz. Será na Casa da Cultura Pintor Lloréns de Sada. Será unha actuación especial xa que contarase coa actuación da sadense Estefi Gómez, sumando a danza a esta presentación.
E pecharase esta oitava edición cunha artista que xa estivo no ciclo coa súa obra Anatomía dunha serea, sobre a violencia obstétrica e agora interpreta Vitória, coa que reflexa outra experiencia vivida por ela, Iria Pinheiro. Será no auditorio da Aula de Cultural Xulio Cuns, de Betanzos, o sábado 29 de novembro.