A artista galega ofrecerá dúas actuacións en xaneiro cun formato íntimo e auténtico, nun espectáculo no que a canción se sitúa no centro absoluto, sen artificios, reivindicando a esencia da composición e da palabra
O Teatro Colón da Coruña acollerá os días 10 e 11 de xaneiro de 2026, ás 20.30 horas, dous concertos de SÉS, que presentará ao vivo o seu novo traballo discográfico “Nadando na incerteza”, nun espectáculo que aposta pola esencia, a palabra e a música sen artificios.
O novo álbum, composto por 13 temas orixinais, reivindica a figura da cantora e autora, situando a canción no centro de todo. A proposta afástase das sobreproducións para ofrecer un exercicio de artesanía musical, cunha sonoridade limpa, directa e coidada, onde a melodía e a letra marcan o ritmo emocional do espectáculo.
Acompañan a SÉS no escenario Sabela Galbán (acordeón, frauta, percusións e voz), Hirahi Afonso (timple canario e guitarra), Tito Calviño (guitarra) e Mayfer Pinto (percusións), nun elenco que contribúe a crear unha atmosfera cálida, honesta e chea de forza escénica.
As entradas están xa dispoñibles a través de Ataquilla, así como nas taquillas habituais da praza de Ourense (de luns a venres, agás festivos) e do Teatro Colón, desde dúas horas antes de cada función, sempre que haxa localidades dispoñibles.
Están habilitados descontos do 20 % para persoas maiores de 65 anos, titulares do Carné Xove e persoas desempregadas, así como un 25 % para familias numerosas, sendo necesaria a presentación da documentación acreditativa no momento da compra e tamén no acceso ao teatro.
O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, destacou que “o regreso de SÉS ao Teatro Colón reafirma o compromiso do Concello da Coruña coa música galega de calidade, nun espectáculo que pon en valor a creación orixinal, a palabra con peso e a forza da música feita desde aquí”.
Estes concertos forman parte da aposta do Goberno de Inés Rey polo fomento da cultura propia, con programación todo o ano de talento galego e coa finalidade de consolidar A Coruña como capital cultural de referencia no noroeste peninsular.



