Haberá tres funcións, dúas o sábado 3 de xaneiro e outra o domingo 4
O Teatro Colón será un dos escenarios da xira galega do espectáculo ‘Reinventio’, que mestura maxia, danza e circo. As entradas para as tres funcións programadas para os días 3 de xaneiro (18.00 e 20.30) e 4 de xaneiro (28.00 horas) xa están á venda a través de Ataquilla e no despacho de billetes da praza de Ourense.
“Desde o Goberno de Inés Rey continuamos apostando por espectáculos dunha alta calidade artística para a programación do Teatro Colón, que é todo un referente cultural a nivel estatal”, sinalou Gonzalo Castro, concelleiro de Cultura e Turismo. ‘Reinventio’ é un espectáculo visualmente abraiante que mergulla o espectador nunha aventura sen precedentes. A narración segue a un mago que perdeu a súa ilusión e tenta recuperala ao percorrer os seus soños e pesadelos. O show transfórmase nun cabaret narrativo vibrante, rebosante de beleza e emoción, onde o circo, a danza e a maxia se converten nas pegadas dun camiño compartido. O público é convidado a un universo onírico no que a realidade se desdobra en aparicións e desaparicións imposibles, levitacións que desafían a gravidade, actos de circo que cortan a respiración e coreografías que encarnan a esencia da ilusión.
Detrás desta creación está o artista e ilusionista ferrolán Martín Varela, un dos novos referentes da escena galega, que combina a maxia coa danza e o teatro para construír espectáculos de gran formato con fondo narrativo. A dirección coreográfica corre a cargo de Mercedes Suárez, figura esencial da danza en Galicia, fundadora de Druida Danza e exdirectora do Centro Coreográfico Galego, responsable de traducir en movemento esa linguaxe de emoción e transformación que define a obra. No elenco destaca tamén a artista suíza Milena, especialista en disciplinas aéreas e recoñecida pola súa mestría en equilibrio de mans, telas aéreas e suspensión capilar, que achega unha dimensión física e poética única á escena.



