A degustación gratuíta de tortillas de masa comezará ás 12:00 horas e pola tarde haberá verbena coas orquestras Los Satélites e Olymnpus
A área recreativa Os Pasos, na parroquia de Aiazo (Frades), acollerá este domingo 29 de marzo a edición número dezanove da Festa da Merenda, que organiza a asociación de veciños “Os Pasos” en colaboración co Concello de Frades, a Deputación da Coruña e a Mancomunidade de Ordes, a través do proxecto Terra Activa. A festa dará comezo ás 12:00 horas, coa degustación gratuíta das merendas elaboradas baixo unha carpa pechada e que rematará ben entrada a noite, coa verbena a cargo das orquestras Los Satélites e Olympus.
Dende o mediodía, unha trintena de cociñeiras da asociación veciñal comezarán a preparar as tortillas de masa, que se poderán degustar de balde con cada consumición ou comprar para levar en caixas de pizza. Unhas merendas elaboradas cunha base común a base de ovos, auga e fariña, pero ás que despois cada cociñeira dálle o seu toque persoal tanto polo grosor da tortilla, o tempo de cociñado ou por se as acompaña ou non de torriscos (láminas de touciño de porco).



