O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, abordou con responsables da obra a evolución dos traballos no novo edificio
A Xunta avanza na construción da futura sede do Instituto de Medicina Legal de Galicia (Imelga) en Santiago de Compostela, á que se destina un investimento de oito millóns de euros. O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, acompañado do director xeral de Xustiza, José Tronchoni, abordou co arquitecto do proxecto, Alfonso Penela, e con representantes da dirección da obra e da empresa adxudicataria, Ogmios Proyecto S.L., a evolución dos traballos. Así, visitou as obras e comprobou que actualmente as actuacións céntranse no movemento de terras e na escavación da parcela, unha vez finalizado o muro pantalla que serve de contención.
Deste xeito, tendo en conta que as obras comezaron o pasado xullo tras recibir a autorización do Concello de Santiago de Compostela de ocupación da vía pública para valar a parcela, prevese que estean rematadas a finais de 2026.
Situado nunha parcela no Polígono de Fontiñas, este novo edificio albergará a dirección do Imelga en toda a comunidade e a subdirección de Santiago de Compostela, unha das sete coas que conta nas distintas cidades galegas. O Goberno galego dá así resposta a unha demanda histórica do organismo e pretende converter o inmoble nun centro de referencia da medicina forense e de atención ás vítimas de agresións sexuais en Galicia.
Con esta iniciativa, materialízase o proxecto deseñado polo arquitecto Alfonso Penela, como gañador do concurso de ideas desenvolvido no marco dun convenio co Colexio de Arquitectos de Galicia. Construirase un edificio cunha superficie útil de máis de 3.100 metros cadrados de dúas alas separadas por unha zona verde. Cada unha das alas divídese en tres andares: a área administrativa con oficinas e un aparcadoiro dunha vintena de prazas para uso do persoal no baixo; outra de laboratorios e salas de autopsias no 1 e as zonas destinadas a unha vintena de consultas dos forenses e os equipos psicosociais no andar 2. Ademais haberá un soto para albergar os cuartos das instalacións e un arquivo. Disporá tamén de seis salas de entrevista e unha de espera, así como unha sala Gesell para garantir as declaracións en condicións de privacidade.

