- O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes visitou os traballos e sinalou que as obras non perturbarán a actividade deportiva, que se compaxina con peches parciais das instalacións
- Diego Calvo destacou as inversións do Goberno galego nas sete instalacións de titularidade autonómica na Coruña, que buscan converter a cidade nun polo modernizado de adestramento físico e actividade deportiva
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo visitou hoxe xunto á delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, as obras de mellora que se están a levar a cabo no Complexo Deportivo de Elviña I, que contan cun investimento de 2,8 millóns de euros. Nunha visita, á que tamén asistiu o xerente da Fundación Deporte Galego, Iván Clavel, e responsables da empresa concesionaria, Forus, lembrou que se está a compaxinar a reforma co uso das instalacións, nas que hai peches parciais dos espazos.
O conselleiro sinalou que con estas actuacións preténdese ofrecer á cidadanía instalacións adecuadas para a práctica do deporte. Neste caso, no pavillón actuarase na cuberta e a estrutura, ademais de reparar a tarima de madeira. Do mesmo xeito, nos campos de fútbol renovarase o céspede artificial e instalarase un novo sistema de iluminación. Ademais, nas gradas e na galería do campo de fútbol realizaranse melloras na cuberta, na estrutura e no pavimento de acceso. A substitución do céspede supón un custo a maiores de 650.000 euros.
Como xa se lle comunicara con antelación aos representantes das persoas usuarias das instalacións, Diego Calvo lembrou que durante as obras mantéñense os servizos de fitness, natación e actividades dirixidas, mentres que o pavillón e os campos de fútbol permanecerán pechados ata outubro. As gradas do campo de fútbol e a galería están pechadas ata novembro e prevese que a finais de ano estean rematadas as actuacións.
Cómpre lembrar que actualmente empregan este complexo o Club Basquet Coruña, Ural-Español C.F., Victoria C.F., Atlético Coruña Montañeros Club de Fútbol, Oza Juvenil S.D., Impérator O.A.R, Club Silva S.D, o club de fútbol Liceo de Monelos S.D., Relámpago S.D., a escola de patinaxe Galicia Rollers, o club de patinaxe ADC Alquimia Inline, Club Baloncesto Xerion e o C. D. Seguridade Galega de fútbol sala.
Melloras nas instalacións deportivas coruñesas
As melloras no Complexo Deportivo de Elviña I súmanse ás realizadas o pasado ano no de Monte das Moas e en 2023 nos pavillóns de Monte Alto e Agra II por case 2 millóns. A maiores, están previstas obras en Elviña II por un montante de máis de 1 millón de euros. As iniciativas enmárcanse no compromiso do Goberno galego co benestar e a saúde da cidadanía, dotando a poboación galega dunhas instalacións deportivas axeitadas para a práctica do deporte e a actividade física.
Por outra parte, á inversión nos catro pavillóns que a Xunta xestiona de forma directa, habería que sumarlle os 5,5 millóns de euros que Forus Deporte ten comprometidos noutros tres complexos deportivos – Elviña I, Sardiñeira I e Agra I- nos primeiros tres anos dende a obtención de licenza de obra, un importe que a empresa conta con aumentar. Precisamente, no complexo da Sardiñeira están a executarse actuacións de urxencia para a reparación da cuberta, cun investimento superior aos 300.000 euros e que se prolongarán ata finais de verán.
Diego Calvo destacou que con estas inversións do Goberno galego nas sete instalacións de titularidade autonómica na Coruña, preténdese converter a cidade nun polo modernizado de adestramento físico e actividade deportiva.
Así, xunto con proxectos coma estes a Xunta destinou en 2024 uns 22 millóns de euros a 400 actuacións en infraestruturas deportivas da comunidade. Neste montante, inclúense 17,5 millóns en instalacións de titularidade autonómica, municipal ou de entidades deportivas, así como os proxectos beneficiarios das axudas de 5 millóns de euros do fondo adicional de Fondo de Cooperación Local para melloras de eficiencia enerxética nestas instalacións.