O director de Turismo de Galicia e o alcalde da localidade coruñesa asinan o acordo de cesión desta propiedade do Xacobeo situada na rúa Dores número 3
O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, asinou hoxe co alcalde de Arzúa, Xoán Xesús Carril, o contrato de cesión de uso da Casa de Correos e da Horta Anexa pola que o Goberno autonómico cede este inmoble ao concello para usos socioculturais para veciños e peregrinos. Dáse así cumprimento a unha antiga reivindicación do municipio de Arzúa para dinamizar o inmoble.
En virtude deste acordo de cesión da antiga casa de correos, situada na rúa Dores número 3 e a súa horta anexa propiedade do Xacobeo, pasará a ser xestionada polo concello de Arzúa. O edificio linda coa Capela da Madanela e o albergue de peregrinos do Xacobeo e a partir de agora poderá albergar actividades culturais xacobeas que poñan en valor patrimonio material e inmaterial galego e axuden a entender a realidade do Camiño de Santiago e a peregrinación. O edificio porase a disposición do Concello nas condicións axeitadas para a súa operatividade.
En virtude do acordo, o Concello asumirá os custos do mantemento e xestión ordinarias do inmoble, tamén se responsabilizará de contratar e costear a contratación do persoal necesario para mantemento e atención, entre outras actuacións. A cesión ten carácter gratuíto e realízase por un prazo de catro anos, que pode prorrogarse outros catro anos máis sempre que medie acordo expreso das partes.