A voceira do goberno municipal, Míriam Louzao, deu conta en rolda de prensa dos principais asuntos tratados na Xunta de Goberno ordinaria, entre os que salientou tamén a continuidade do contrato con ASPAS Emprego para o mantemento do parque de Brandía, aprobación de oito convenios con entidades sociais por valor de máis de 443.000 euros, a convocatoria de subvencións de cooperación ao desenvolvemento e a licenza outorgada ao Arcebispado para unha obra de acondicionamento do claustro pequeno e derruba dun alxibe do edificio de San Martiño Pinario.
A Xunta de Goberno Local aprobou na sesión ordinaria deste luns o expediente para contratar a reparación e acondicionamento de muros tradicionais nos parques de Bonaval e Belvís, cun orzamento base de licitación de 125.001,70 € (IVE incluído) e mediante un procedemento aberto simplificado.
A portavoz do goberno local, Míriam Louzao, explicou que este proxecto dálle continuidade ás actuacións anteriores de acordo co Plan de mantemento de muros tradicionais redactado en 2022. “Deseña as actuacións correctivas de fase I correspondentes aos paramentos do Parque de Belvis (nos que xa se accións preventivas en 2024) e acciones preventivas e algunhas correctivas nos muros do Parque de Bonaval”, detallou.
Mantemento do parque de Brandía
No ámbito da contratación, acordouse tamén emitir unha orde de continuidade do contrato asinado o 4 de novembro de 2021 con ASPAS EMPREGO SL para o servizo de conservación, mantemento e mellora dos espazos verdes e do arborado do parque de Brandía, nas mesmas condicións en que se viña prestando e polo tempo imprescindible ata a adxudicación dun novo contrato. O gasto anual deste contrato é de 87.233,74 euros.
Así mesmo, a Xunta de Goberno tomou razón da proposta de resolver un contrato de subministración dun vehículo autobomba de primeira intervención para o Servizo de Extinción de Incendios e Salvamento, asinado o 27/12/2022 con Rosenbauer Española S.A. A causa da resolución é o incumprimento da obriga principal do contrato, xa que o vehículo subministrado non cumpre coas condicións esixidas no prego técnico. Isto implica a incautación da garantía definitiva, por importe de 19.006 euros. O expediente someterase agora ao ditame preceptivo do Consello Consultivo de Galicia.
Convenios
En relación coas subvencións, aprobáronse oito convenios de colaboración con sete entidades sociais por unha suma de 443.607,24 euros.
Con Cruz Roja Española aprobáronse dous convenios. Un deles, por valor de 124.607,24 euros, para o programa SEMUS COMPOSTELA (Servizo Municipal de Urxencias Sociais), cunha subvención do POS da Deputación. E outro para os programas de teleasistencia e atención a persoas sen fogar, cunha subvención de 100.000 euros.
Coa Asociación Banco de Alimentos Provincia da Coruña, aprobouse un convenio para o programa de captación, almacenamento e distribución de alimentos ás institucións asistenciais ou benéficas de Santiago de Compostela, dotado con 5.000 euros.
Coa Escola de Tempo Libre Don Bosco, para o proxecto de intervención educativa e integración no tempo libre “Un lugar para ti” e para o recurso de acollida temporal para inmigrantes, cunha contía de 30.000 euros.
Coa Asociación Xuvenil e Cultural Itaca, para o programa de lecer alternativo para a mocidade, cunha contía de 24.000 euros.
Coa FANPA Compostela, que agrupa as ANPAS de centros públicos de educación, aprobouse un convenio dotado con 30.000 euros, para actividades e fomento da escolarización nos centros de educación infantil e primaria composteláns.
Coa Asociación de Pais e Nais de Persoas con Autismo de Galicia (Aspanaes), para a execución do “Programa de información, orientación, valoración e apoio familiar para persoas con TEA” en 2026, dotado con 10.000 euros.
E con Cáritas Diocesana de Santiago de Compostela, deuse luz verde a un convenio de colaboración para a execución dos programas denominados “Programa de Atención Primaria-Interparroquial Santiago” e “Programa ALARES: Vivendas de transición á autonomía para persoas sen fogar”, correspondente ao exercicio 2026, por importe de 120.000 euros.
Neste mesmo ámbito, a Xunta de Goberno acordou rexeitar o recurso de reposición interposto pola Fundación Amigos de Galicia contra o acordo do pasado 31 de agosto polo que se lle denegaba unha subvención dentro do Programa de actividades en prol da igualdade efectiva entre mulleres e homes e das persoas do colectivo LGTBIQ+ e de prevención e loita contra as violencias machistas para o ano 2026.
Convocatoria de subvencións de cooperación ao desenvolvemento
Tamén se aprobaron as bases da convocatoria de subvencións de cooperación ao desenvolvemento, ás que se dedican en total 400.000 euros.
Estas axudas diríxense a proxectos que se desenvolvan nalgún dos países considerados como prioridade xeográfica no V Plan director de cooperación galega 2023-2026, en concreto Cabo Verde, Guinea Bissáu e Mozambique (en África Subsahariana); Guatemala, Honduras, Nicaragua e O Salvador (en América Central); Bolivia, Ecuador e Perú (en América do Sur); e República Dominicana (no Caribe).
Poden solicitar estas axudas organizacións non gobernamentais para o desenvolvemento incluídas do Rexistro Galego de Axentes de Cooperación para o desenvolvemento. O prazo será de 10 días hábiles, contados a partir do seguinte á publicación do extracto da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia.
Licenzas
Por outra banda, a Xunta de Goberno outorgoulle licenza ao Arcebispado para unha obra de acondicionamento do claustro pequeno e derruba dun alxibe do edificio de San Martiño Pinario. O conxunto monástico, co nivel 1 de protección dentro do Plan especial da Cidade Histórica, foi declarado BIC en 2020 e conta cun plan director aprobado o 9 de xuño de 2025.
“Ese documento propón unha intervención orientada a recuperar a coherencia espacial e construtiva do claustro pequeno, profundamente alterado pola incorporación de elementos impropios ao longo do século XX, que inclúe a derruba dos asesos existentes, a instalación dun elevador e a substitución de fábricas contemporáneas por solucións contrutivas compatibles cos sistemas tradicionais e a cubrición do patio cunha estrutura lixeira de vidro”, sinalou Míriam Louzao.
O Plan Director identifica este ámbito como un punto estratéxico na posta en valor do conxunto. Con todo, un estudo de patoloxías recollido no proxecto xustifica a necesidade de intervir con maior urxencia nun alxibe situado sobre a cuberta dos baños que evidencia un proceso avanzado de deterioro estrutural.
As actuacións propostas céntranse polo tanto na demolición do alxibe, como elemento descontextualizado, ademais dunha serie de actuacións complementarias que perseguen a recuperación parcial e a posta en valor deste ámbito con un carácter provisional: a adecuación do paramento interior e exterior dos baños situados no claustro; a reordenación e racionalización das instalacións existentes; a limpeza xeral do conxunto e a revisión e restauración puntual das carpinterías vinculadas ao volume dos baños. A intervención concíbese como unha solución provisional, en tanto non se leve adiante a intervención prevista no Plan director.
A obra, que ten un orzamento de execución material de 113.889,91 euros, conta co informe favorable da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural e tamén co ditame, tamén favorable, da Comisión Asesora do Patrimonio Histórico do Plan Especial PE-1.
Así mesmo, a Xunta de Goberno outorgou licenzas para: a apertura dun oco para unha porta de garaxe na rúa do Veadiño, 1 (A Rocha Vella); reforma para mellorar a accesibilidade do hotel da praza de San Miguel dos Agros, 9, concretamente para instalar un aseo accesible na planta baixa e un cuarto tamén accesible na planta primeira; rehabilitación de fachadas do edificio de vivendas situado na rúa dos Pelamios, 7; reforma do comedor do Seminario Menor da Asunción, na avenida de Quiroga Palacios.
Ademais, aprobouse a proposta de declarar nulas as outorgadas para a primeira ocupación e para a ampliación dunha vivenda unifamiliar no lugar do Barra, do 21 de outubro de 2013 e do 30 de novembro de 2018 respectivamente.
Esta proposta de nulidade baséase en que a cuberta excede da altura máxima permitida e a obra modificou a rasante do terreo incumprindo os parámetros esixibles. Esta declaración someterase agora a ditame do Consello Consultivo de Galicia antes da súa firmeza.
Alén dos asuntos da Xunta de Goberno, a portavoz municipal felicitou a compostelá Alejandra Neira, que este sábado se proclamou campiona do mundo júnior en ciclismo en Montreal.

