A voceira municipal, Míriam Louzao, compareceu en rolda de prensa para informar dos principais asuntos aprobados en Xunta de Goberno acompañada polo concelleiro de Urbanismo, Iago Lestegás, que deu conta dos temas da súa área e fixo balance das licenzas outorgadas neste ano e nos anteriores. A este respecto, o Concello aumentou nun 26% o número de licenzas de obra maior concedidas en 2024 con respecto a 2023.
Na sesión de hoxe, a Xunta de Goberno concedeu licenza de obra maior para a construción dun edificio de 13 vivendas, garaxes e rochos na parcela sita nos números 84 e 86 da rúa da Estrada. “Con estas 13, son 83 as vivendas autorizadas pola XGL en edificios de vivenda colectiva de nova construción no que vai de ano. Desas 83, 29 son VPA”, subliñou o concelleiro que engadiu datos do ano pasado: “en 2024, a XGL concedeu licenzas de obra maior para construír un total de 189 vivendas en edificios de vivenda colectiva de nova construción, incluíndo 89 vivendas de protección autonómica (VPA) e 36 vivendas de promoción pública (VPP)”. En 2023 foron 85 en total, 32 delas VPA.
“Como vedes”, sinalou Lestegás, “en 2024 autorizouse a construción de moitas máis vivendas en edificios de vivenda colectiva de nova construción que en 2023 (máis do dobre). E este ano, cando faltan aínda 3 meses e medio para que remate 2025, xa autorizamos case tantas como en todo 2023”.
Intervencións en edificios existentes
A estes datos de vivendas en edificios de vivenda colectiva de nova construción cómpre sumar os datos relativos a vivendas unifamiliares e a actuacións en edificios existentes (reformas, ampliacións, etc.)
Neste último eido, no que respecta a actuacións sobre a envolvente dos edificios (cubertas e fachadas) destinadas a mellorar a eficiencia enerxética, a Xunta de Goberno na sesión de hoxe concedeu licenza de obra maior para mellorar a envolvente de 5 edificios situados nos números 10 e 12 da Costa do Vedor, no número 10 da avenida de Castelao, no número 9 da rúa da Trisca, no número 233 da avenida de Lugo e no número 28 da rúa do Campo do Forno. “Algunhas destas actuacións inclúen tamén a mellora das instalacións e da accesibilidade dos edificios”, indicou o concelleiro de Urbanismo.
Iago Lestegás finxo fincapé en que “con estas 5, son 28 as licenzas de obra maior concedidas pola XGL no que vai de ano para actuacións de mellora da envolvente dos edificios (actuacións en fachadas e cubertas). En 2024 foron 50 e en 2023 foron 14”.
Ademais, no que vai de ano a XGL concedeu 10 licenzas de obra maior para actuacións de mellora da accesibilidade en edificios existentes. En 2024 e en 2023 foron 22.
“Estes datos corresponden ás obras maiores autorizadas pola XGL, pero ademais destas hai moitas outras que se autorizan por decreto (porque son obras menores) ou están suxeitas a comunicación previa”, explicou.
A Xunta de Goberno tamén concedeu hoxe licenza de obra maior para a rehabilitación do edificio sito no número 10 da rúa de García Blanco para 4 apartamentos turísticos. “A ordenanza aplicable nesta parcela, a ordenanza 2 do PXOM, coma o resto das ordenanzas tipo do PXOM de acordo coa normativa aprobada definitivamente en febreiro de 2023, permite o uso de hospedaxe en edificación exclusiva”, sinalou o edil. O executivo municipal tamén concedeu licenza de obra maior para a instalación dun campamento de turismo con 19 cabanas no lugar de Marmancou, na parroquia de Figueiras, “un uso permitido pola Lei do solo de Galicia en solo rústico”.
A XGL concedeu tamén licenza de obra maior para a ampliación dunha vivenda unifamiliar no número 12 da travesía do Viso, así como para a segregación dunha parcela na rúa de Sarela de Abaixo.
DATOS XERAIS DO IGE
Segundo o IGE, en 2023 o Concello de Santiago concedeu 137 licenzas de obra maior e en 2024 concedeu 173. “Estes datos do IGE confirman que entre 2023 e 2024 se produciu un incremento notable no número de licenzas de obra maior outorgadas por este Concello. Concretamente un incremento do 26%”. O edil insistiu en que “todos estes datos son de licenzas de obra maior que concede a XGL. Ademais disto, hai moitísimas actuacións que se realizan con licenza de obra menor (por decreto) ou con comunicación previa, en función da entidade da obra e do lugar onde se pretende realizar”.
Dende o punto de vista cuantitativo, “o incremento do número de licenzas entre 2023 e 2024, e nomeadamente o do número de vivendas en edificios de nova construción, suxire que o mercado está activándose para ampliar a oferta residencial en Santiago de Compostela, pero sen reproducir dinámicas explosivas que caracterizaron outras épocas e que xa puidemos comprobar que resultados producen a curto, medio e longo prazo”.
Neste aspecto, o concelleiro valorou “moi positivamente tres aspectos: en primeiro lugar, o peso relativo da promoción de vivenda protexida. O ano pasado, como dixen, o Concello concedeu licenzas de obra maior para construír 189 vivendas novas en edificios de vivenda colectiva e 125 delas (66%) son vivendas protexidas. É necesario ampliar a oferta de vivenda pero sobre todo o que é necesario é ampliar a oferta de vivenda protexida, a prezos accesibles. Por tanto este é o camiño”. En segundo lugar, sinalou que a construción de moitos deses edificios de vivenda colectiva “vai contribuír a completar ámbitos que están urbanizados dende hai anos pero que están inacabados: SUP-7 (Pontepedriña), SUNP-11 (Castiñeiriño), SUNP-12 (Lamas de Abade) e SUNP-14 (Tras Paxonal). É razoable e desexable rematar eses barrios antes de expandir máis a cidade”. En terceiro lugar, “dado que este goberno aposta pola rehabilitación do parque inmobiliario, consideramos moi positivo o número de actuacións destinadas a mellorar as condicións de edificios existentes, especialmente as destinadas a mellorar a eficiencia enerxética e a accesibilidade”.
Bonificacións nas ordenanzas
Iago Lestegás tamén se referiu a outros asuntos relativos á vivenda e remarcou que o aumento do Imposto de Bens Inmobres (IBI) que o Concello aplicará ás vivendas baleiras afectará unicamente “a aquelas que levan máis de dous anos desocupadas sen causa xustificada e que pertencen a propietarios con catro ou máis inmobles”. O concelleiro tamén fixo fincapé en que “esta medida fiscal está encamiñada a mobilizar o parque de vivendas existente”, ao que hai que engadir outras actuacións como son as bonificacións.
Deste xeito, unha vez que se aprobe a ordenanza, o Concello terá que elaborar un censo dos inmobles desocupados con carácter permanente en Santiago. Para isto basearase en indicios dos consumos e do padrón de habitantes.
No tocante ás bonificacións, Lestegás concretou que a redución do IBI prevista na actual ordenanza para as Vivendas de Protección Autonómica (VPA) estenderase, como unha das novidades desta ordenanza, ás Vivendas de Promoción Pública (VPP). Deste xeito, todas as vivendas protexidas terán unha bonificación do IBI do 50% nos tres primeiros anos. No caso das VPA será do 35% nos dez seguintes (como está previsto actualmentel) e no caso da VPP será do 45% nos dez anos seguintes, sempre que manteñan a súa titularidade pública e se destinen ao alugueiro.
No Imposto sobre Construcións, Instalacións e Obras (ICIO) tamén se estenderá a bonificación do 50% da VPA á VPP. Ademais, as obras de especial interese ou utilidade social por circunstancias sociais ou histórico-artísticas terán ata o 95% de redución, co obxectivo de incentivar a rehabilitacións de edificios residenciais catalogados, tanto no casco histórico como no resto da cidade. Así mesmo, terán unha bonificación de ata o 95% as VPA con cualificación permanente e as VPP que estean en solo de núcleo rural ou urbano ou en ámbitos urbanizados sen completar. Nese 95% por interese social tamén tamén se inclúen as construcións de uso residencial promovidas por cooperativas de vivenda en cesión de uso sen ánimo de lucro.
O concelleiro de Urbanismo avanzou tamén que o Concello subscribirá un convenio co Colexio de Rexistradores da Propiedade para acceder aos datos do Rexistro Único de Aloxamentos Temporais e intensificar o intercambio de información nesta materia co obxectivo de que os pisos turísticos ilegais desaparezan.