Serán repartidos un total de 133.350 euros entre 41 beneficiarios: 37 entidades e 4 deportistas individuais..
Na última sesión ordinaria da Xunta de Goberno Local foron adxudicadas as subvencións municipais dirixidas ás asociacións culturais, clubs deportivos, centros de ensino e Anpas para o desenvolvemento de actividades de interese xeral, así como aos deportistas locais máis destacados.
41 beneficiarios, que son 37 entidades -a totalidade das que presentaron a solicitude- e 4 deportistas individuais, percibirán a través desta liña de axudas un total de 133.350 euros, cun incremento de 6.000 euros con respecto ao ano anterior. O acordo foi tomado a proposta da Comisión de Valoración, encargada de analizar as solicitudes presentadas e de establecer a contía das axudas en base aos diferentes criterios estipulados na convocatoria. Valorouse a actividade permanente de cada beneficiario, o número de eventos organizados, o volume de persoas participantes e, no caso dos clubs deportivos, a existencia de categorías inferiores e a cifra de fichas federativas, entre outras pautas.
No apartado de deportistas individuais tivéronse en conta os resultados en competicións dos diferentes ámbitos xeográficos. Neste caso a convocatoria foi dirixida a aqueles deportistas que non realizaron a súa actividade como parte dun club, asociación ou entidade beneficiaria desta mesma liña de axudas.
Este importante esforzo económico soamente é unha parte da colaboración do Concello con estes clubs e asociacións, aos que tamén se presta un continuo apoio organizativo para o desenvolvemento das súas actividades, cedendo ademais, en moitos casos, instalacións de titularidade municipal de xeito gratuíto.