Esta mañá celebrouse unha reunión sobre o transporte público na comarca da Coruña entre a Xunta de Galicia e os concellos. A Xunta de Galicia comunicou que non atenderá ningunha das demandadas realizadas polo Concello de Oleiros para a mellora do servizo.
Tras diversas reunións previas, o pasado mes de novembro o Concello de Oleiros solicitou varias melloras para o transporte público, atendendo ás principais necesidades de mobilidade da poboación. Reclamábase mellorar as frecuencias da liña B-1 e a súa prolongación ata a Igrexa de Nós para atender a esta parroquia de 5.000 habitantes, que está sen servizo; implementar novas liñas para atender as zonas de Franzomel, Abeleiras e Xaz; e crear unha liña circular entre Perillo e a Universidade que funcionase nas horas de entrada e saída das aulas.
Tamén se reclamaba reforzar as liñas principais, cando menos en horas punta. Especialmente a B9 (que cobre as parroquias de Dexo, Serantes, Maianca, Dorneda, Liáns e Perillo) e a B3, que dá servizo a Oleiros, Montrove e Perillo e que debería reducir a súa frecuencia dos actuais 40 minutos a 20, nas horas de maior demanda.
De cara a un futuro non moi lonxano, o Concello solicitaba tamén un estudo rigoroso para a creación de novas liñas entre os principais núcleos de poboación e os polígonos da comarca, centros médicos e as principais localidades doutros municipios, así como que o sistema responda con maior axilidade ás necesidades estacionais, comerciais e de ocio para adaptarse mellor ás demandas veciñais.
Tal e como informou a Directora Xeral de Mobilidade, ningunha destas demandas vai ser atendida por parte da Xunta de Galicia. “Parécenos un insulto e unha tomadura de pelo total. Está claro que o transporte impórtalles un bledo. Preocúpalles máis defender o lucro das empresas concesionarias que os intereses da cidadanía. Nós seguiremos denunciando estes feitos ata que se logre un servizo digno”, dixo o alcalde Ángel García Seoane.